“Vidal Bolaño foi un home moi comprometido e, polo tanto, incómodo”


Aldegunde Quiñones

Conversa con Belén Quintáns

Belén1.redimensionadoBelén Quintáns, produtora teatral e compañeira de Bolaño, creou, xunto con Roberto, Teatro do Aquí, a segunda e derradeira compañía profesional do dramaturgo. Conta que non foi tarefa doada, xa que Vidal Bolaño saía do veto imposto pola Consellería de Cultura e que durou case unha década. Afortunadamente para o teatro e para a literatura galega ese proxecto saíu adiante e xerou obras tan importantes coma Saxo Tenor, Rastros ou Animaliños. Belén recoñece o emocionante que lle resulta no plano persoal a dedicatoria do Día das Letras e participa na Asociación Vidal Bolaño, que promove a figura do escritor.

 

Que lugar ocupaba a literatura dramática en Galicia antes de Vidal Bolaño?

Pois case nin estaba considerada literatura, algo que sempre preocupou a Roberto e por iso procurou o seu recoñecemento. Cando el morreu non había ningún dramaturgo na Academia, aínda que logo entrou Euloxio Ruibal. Mesmo o Consello da Cultura Galega, que ten na súa web culturagalega.org seccións de banda deseñada, audiovisual e outras, non conta con sección de teatro. Por iso foi importante tanto para Roberto como para o teatro que a RAG optara por el este ano.

 Sempre se subliña que foi un home comprometido coa sociedade na que viviu.

 Roberto era moi consciente de onde vivía e moi comprometido co seu país, coa súa historia e, sobre todo co seu futuro. E, polo tanto, moi incómodo. Así que penso que está ben que por unha vez se lle recoñeza o que fixo polo teatro e polo país.

careta_bolaño O feito de facer de todo no mundo do teatro foi por vontade ou por necesidade?

 Foi porque ao principio todo o mundo tiña que saír para adiante dese xeito, formándose nunha profesión que non había. Facía iluminación, escenografía, vestiario, dirixía, interpretaba… E tamén o facía porque lle gustaba. Eu sempre digo que Roberto era un autor que escribía espectáculos, non só textos. Teño estado con el durante o proceso de escrita e el xa visualizaba as escenas e, polo tanto, a escenografía, o vestiario, a iluminación… Na última etapa el xa consideraba que para que o teatro evolucionara era importante a profesionalización e a especialización en cada aspecto, aínda que as posibilidades económicas non sempre o permitían.

 Sen dúbida, debeu ter outro recoñecemento xa en vida.

 Si, en calquera outro país sería tratado doutra maneira xa cando estaba vivo. Debía ter xerado máis escola da que xerou, debéuselle prestar moita máis atención, porque tanto en cantidade coma en calidade é o autor dramático máis significativo de Galicia.

 TEATRO DO AQUÍ

 Como viviu a etapa amarga na que foi vetado dende a Xunta?

 Cando eu o coñecín estaba case rematando esa etapa lonxe do teatro e, de feito, empezaba a preparar a versión de Salomé que codirixiu no CDG co grupo Chévere. Cando intentei convencelo de que volvese de todo e montaramos unha compañía, asegurándolle que eu lle botaba unha man coa parte de produción administrativa, a verdade é que me custou moito. Estaba moi queimado e moi farto e mesmo pensaba
na posibilidade de marchar de Galicia porque, que se vete a unha persoa, malo, pero que toda a profesión o consinta, peor.

E esa compañía foi Teatro do Aquíteatro do aqui

Si, chámase así porque era o teatro que a el lle interesaba, o que quería facer e que tiña claro que non se estaba facendo. Aquí e agora. O teatro é unha arte efémera, agás na súa parte literaria e el cría que tiña que responder á sociedade do momento e esa foi a súa contribución á normalización do teatro galego. E tamén á construción dun teatro nacional galego. Se somos unha nación, como el pensaba, é tamén por termos un teatro propio, unha forma propia de dicir e de facer nos escenarios e por iso traballou.

 Hai unha declaración de intencións de Teatro do Aquí que define os obxectivos da compañía.

 Si ese texto que el escribiu explícao todo. Comeza dicindo que “nalgún recuncho ignorado do noso presente ten que haber un teatro do hoxe e do aquí posibles. Un teatro con fe dabondo en si mesmo como para saír á busca de poéticas propias”.

 RASTROS

Unha das producións máis lembradas de Teatro do Aquí foi Rastros. Por que?

Coma case todos os textos de Bolaño empezou sendo unha cousa e acabou sendo outra. En principio ía ser unha especie de colaxe de textos literarios e de elementos de pintura, escultura ou arquitectura que amosasen como se estaba recollendo a nosa historia presente. Pero resultou que non había material para un espectáculo
porque non se estaba escribindo ou pintando sobre a evolución da sociedade galega nos últimos anos. Entón decidiuse a escribilo el porque era a evidencia de que aquilo estaba sen contar: quen somos os galegos, de onde vimos e a onde imos. Polo menos a parte da sociedade máis comprometida, a que nalgún momento pensou na posibilidade de que as cousas cambiasen e ver que foi pasando con eles durante ese proceso de querer cambiar o mundo e como o mundo os foi cambiando a eles.

 E todo mostrado dunha forma dura e orixinal.

 Si, el cóntao a través dunha muller que está hospitalizada logo dun intento de suicidio e os seus tres amigos de toda a vida van visitala e comezan a recordar que foi pasando con cada un deles: un escritor, un empresario e un rapaz que optara pola loita armada.

 A pesar de ser arriscada funcionou moi ben, non si?

Foi unha experiencia incrible porque saímos aos escenarios preguntándonos a ver
rastros 001_515x800
que ía contratar esa obra, quen ía querer vela, e resultou ser o espectáculo mellor valorado pola crítica -con moitísima diferenza- un dos mellor acollidos polo público, un dos que máis recorda todo o mundo: é moi difícil falar de Vidal Bolaño sen dicir algo de Rastros. En Galicia tivo pouca distribución, tanto en concellos moi de dereitas coma moi de esquerdas, porque en ambos casos se sentían cuestionados polo espectáculo, pero estivo na mostra de autores contemporáneos de Alacante, na mostra de teatro iberoamericano de Cádiz, en Asturias, na Feira do Teatro de Huesca… Nunca nos sorprendera tanto o resultado dun traballo. Foi tamén un proceso de creación peculiar porque era a primeira vez que Roberto ía escribindo a pé de escenario. Cada día había unha escena nova, as que había cambiaban acotío. Xoán Carlos Mejuto sempre conta que dez minutos antes dunha representación Roberto lle pasara un papel onde lle poñía: di isto tamén. Foi un texto moi participativo e que saíu moi ben.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to “Vidal Bolaño foi un home moi comprometido e, polo tanto, incómodo”

  1. Non hai ningunha relación pero sempre que escoito ou leo o nome de Bolaño lémbrome do señor Agustín, un home de certa idade que habitou nas casetas, cuios restos agroman aínda hoxe sobre o mato, existentes na boca oeste do tunel de Venda de Bolaño, entre Campobecerros e A Gudiña, nos anos da postguerra, cando as obras do ferrocarril Ourense-Zamora. Vivía alí solo, como vixiante dun pequeno almacén no que se gardaban os apeiros de traballo. Era natural da zona do Carballiño. Eu daquela era un cativo e dábame certa pena a súa soidade en lugar tan afastado. Nunca mais tiven del noticia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s