Dos nosos vellos


Teresa Souto

Nestes días xa de primavera, onde se amosan timidamente raíños de sol, tamén se amosan esperanzas e ledicias novas. Onte dicíame un señor maior: “Neniña hai que porlle á vida boa cara, así é como fago eu, sempre ver o lado positivo e tirar para adiante”.

Canto temos que aprender das persoas maiores, e cantas veces nos esquecemos delas, esquecemos a súa sabiduría, as súas experiencias de vida, a súa xenerosidade.  En pouquiños días tiven tres momentos con persoas maiores que me encheron o día. O primeiro, un señor co que conversei un pouquiño, e acabou dicíndome: “Xa sabes onde tes unha casa, para ti e a túa familia, cando queiras ir pasar uns días á praia, alí a tes”. Onte, unha señora encantadora que pensa, aos seus oitenta e cinco anos, que segue sendo mestra en Pontevedra, que sempre se pinta, pon tacóns e leva o seu bolso consigo, dicíame: “Cando precises algo, ven onda min, xa sabes, son mestra e o que precises e eu poida, axudareiche”. E a terceira é máis próxima e coñecida, e o domingo deille unha revista que rompeu facendo papeliños todos iguais, da mesma medida, e cando rematou preguntounos: “Vós tendes papeis destes para pagar? Levade, levade estes”. Para min son exemplos dunha gran xenerosidade, sen pedir nada a cambio, ofrecen o que poden e o que teñen, a pesar de que as dúas mulleres teñen esa enfermidade rabuda que borra as lembranzas e borra as caras que coñecen, mais non borra esas ganas de axudar e colaborar.

As présas, as novas tecnoloxías, os traballos asalariados, o consumismo… moitas veces fan que esas persoas que nos coidaron, nos criaron, nos ensinaron, amasaron o noso pan, pasen a non encaixar nese crebacabezas que é o día a día, e pasan a ser (como se lles chama) unha carga familiar. E se reinventamos os nosos crebacabezas, se os facemos máis flexibles, moldeables e deixamos que as pezas encaixen por si mesmas? Sobre todo esas pezas esenciais nas nosas vidas, que son as persoas maiores, que nos arrolaron, amamantaron, contaron contos e lendas, prantaron patacas e millo, coceron pan no forno, foron ó mar, venderon o peixe, escribiron poesías, deron clases, defenderon o noso idioma, ensinaron, loitaron e loitan, e idean, e fannos rir e ofrécennos todos os saberes que acumularon ó longo da vida.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s