Entrevista


Conversa con Ana Vila Montero, nicaraguana e galega

Un distante mes de xullo de 1986, Ana Vila Montero fixo a súa primeira viaxe a Nicaragua acompañada de Manolo Vila, Marta Sopeña, Xosé Lois Vilar, Emilio Sánchez e Aurora Besteiro. Uns anos despois nacía Axunica, organización sen ánimo de lucro, con sede en Lugo, adicada a financiar e impulsar proxectos en Nicaragua. Aproveitando que Ana leva uns días por Galicia, decidimos conversar con ela sobre os plans que está levando a cabo, sobre os sentimentos que arrastra cada vez que viaxa e sobre a durísima situación que vive Nicaragua na actualidade.

A primeira cuestión que me vén á cabeza é a de pensar como se sentirá Ana vivindo entre dous mundos tan sumamente distintos. Por un lado imaxínoa por zonas semiselváticas de Nicaragua chegando a pobos nos que os nenos teñen moi complicada a alfabetización, as mulleres escasas oportunidades de ter vida laboral fóra do mundo familiar e doméstico, e os homes volven dos arrozais cun salario escaso para vivir, pero suficiente para emborracharse e pagar por sexo. Ao mesmo tempo, trasládoa á Galicia convivindo, case por accidente, co rico Occidente, aburríndose nun país no que o Estado de Benestar conseguiu que a pobreza se oculte e que os maiores problemas que existen para a clase acomodada sexan o fastío da abundancia, o exceso de riqueza e o gusto pola aparencia. Que sentes cando volves a Galicia, Ana?Foto 5

Tanto cando volvo a Galicia como cando regreso a Nicaragua sinto unha enorme ledicia, polo reencontro con moita xente que levo tempo sen ver. Esta última viaxe foi motivada pola miña familia e custoume moito tomar a decisión de viaxar, sobre todo pola situación que está vivindo Nicaragua neste momento. Unha vez aquí, non podo evitar contar como se vive en Nicaragua, a terra que me acolleu. En Galicia teño as miñas raíces, a familia que me reclama e os amigos que boto de menos cando estou en Nicaragua. O regreso a Galicia sempre vén acompañado do encontro coa natureza, unha natureza distinta á nicaraguana, pero igualmente fermosa. Redescubrín Galicia desde a distancia.

A nivel social, noto moito o individualismo, o consumo excesivo e o pasotismo ante a situación política que se vive en Galicia e o resto de España. Por outro lado, Nicaragua demostra unha vez máis que é capaz de dar esperanza ao mundo ante situacións de corrupción e inxustiza, conseguindo organizarse e mobilizarse contra elas.Foto 4

Ana viviu de cerca algúns dos feitos máis apaixonantes da recente historia nicaraguana. Nos últimos corenta anos, Nicaragua viuse atravesada por unha revolución que derrocaba a ditadura somocista e enchía de enorme esperanza os seus habitantes. Desde aquela, sufriu e sofre, de forma dura e continua, unha terrible caída en picado do soño revolucionario sandinista convertido en pesadelo orteguista. Ana, porque marchaches a Nicaragua?

Por varios motivos. O primeiro foi pola atracción da revolución, desa experiencia na que sentía que camiñaban da man o compromiso social, a verdadeira política, a fe e a relixiosidade. Foi un momento fermosísimo que viu a luz a raíz da Teoloxía da Liberación. Estou en débeda con Nicaragua por permitirme vivir ese soño esperanzador. Estou en débeda con persoas como Ernesto Cardenal, que posibilitaron a existencia de experiencias tan humanas como as que vivín alá. A medula do meu compromiso de fe era mirar para os máis necesitados. A revolución foi iso, pero desde hai anos foise desfigurando. Agora xa non é así. Hai unha ditadura clara, que ata hai uns días non sabiamos como enfrontar. Agora si. Estamos vivindo un momento de morte, pero tamén de resurrección. É duro ver que están morrendo moitos rapaces: neste momento xa hai 60 persoas asasinadas. Ata hai pouco, simplemente desaparecían. Os tiros son ao peito, á cabeza. Hai turbas orteguistas que se desprazan en camionetas con barrotes para linchar a xente, incluso a xornalistas. O momento de resurreción é o momento no que a xente nova, especialmente os universitarios protestaron e desenmascararon a situación actual que vive o país. O resto da historia coñecédela polos medios.Foto 2

O rostro de Ana está marcado por sucos fondos, enrugas que moldean a súa cara e debuxan o seu carácter. Fai unha carantoña ante a inxustiza que relata, que rapidamente relaxa co desexo da súa reparación. Mostra esperanza na protesta popular que, agarda, poida impulsar cambios necesarios nun país que volveu a unha situación que parecía superada. Pero axiña reconduce o seu relato para contarnos todo aquilo polo que paga a pena vivir, a construción dunha sociedade máis humana, aquí ou nas zonas rurais de Granada. Son numerosísimos os proxectos que pode relatar, inzados de éxitos e fracasos, experiencias reconfortantes mesturadas con outras oportunidades perdidas. Como medimos o éxito dun proxecto de construción? Cales son as prioridades? Que rápido pasa o tempo falando con Ana…

Hoxe é o segundo día que me reúno con ela e con Emilio Sánchez, colaborador incondicional de Ana desde hai trinta anos. Tentamos repetir unha entrevista que unha pifia tecnolóxica borrou da memoria dixital do meu teléfono. É imposible. A conversa transcorre por lugares moi diferentes aos camiños que collera onte. So podo calar. Fala Ana.

Son varios os proxectos que levamos a cabo en Granada asociados á educación e a saúde especialmente. Un dos proxectos consiste en ofrecer bolsas de estudos a nenos e nenas para que non se vexan obrigados a abandonalos antes de tempo. As bolsas que concedemos aos pequenos están vinculadas a un compromiso persoal, como pode ser o rendemento escolar, ou dar clases aos máis pequenos. Outro proxecto que levamos a cabo é a formación continua coas mulleres dos poboados, que descobren como hai cousas que se conseguen coa unión, coa organización e co compromiso, como a creación dunha liña escolar de secundaria nunha comunidade na que non existía, ou a atención dun médico un día á semana.Foto 3

A maioría da poboación rural da zona traballa nos enormes cultivos de arroz que hai na rexión a cambio duns salarios ben escasos. As mulleres seguen sendo a parte da poboación máis maltratada pola pobreza, estando destinadas desde mociñas a ser exclusivamente esposas e mamás, polo que demasiado pronto deixan os estudos e reclúense na vida doméstica. Hai anos iniciamos un proxecto de aposta pola gandería que repartiu unhas cen cabezas de gando entre as familias. Transcorridos tres anos, decidimos abandonalo, o que supuxo para nós unha sensación grande de fracaso ao ver que a maioría das familias se vían obrigadas a vender os animais que se lles deran, debido á penuria económica que sufrían. O proxecto foi moi custoso en tempo. Hoxe, repasándoo, teño a sensación de que non foi tan grande o fracaso. Dúas familias de Aguas Agrias conseguiron ser criadoras de gando e teñen asegurada unha pequena renda grazas a el. Era un proxecto que dirixiamos ás mulleres debido á súa maior visión de futuro. Os homes, maiormente, gastan os cartos en alcol ou prostíbulos, polo que centramos as nosas actividades nas mulleres como motor do cambio.

Hai un ano, na inauguración oficial do XIII Festival Internacional de Poesía de Granada, Ernesto Cardenal denunciaba sentirse un perseguido político, dicindo que o perseguía a ditadura que ten Nicaragua, a parella presidencial que con moito odio estaba tratando de destruílo. El explicaba que non pode defenderse porque eles teñen todo o poder. Ana, está Nicaragua peor que hai trinta anos?

Nicaragua está atravesando unha das peores épocas da súa historia recente e os acontecementos das últimas semanas están sendo vistos con moita esperanza por todos os que denunciamos o embrutecemento do goberno de Ortega. A reforma da Seguridade Social que tentou efectuar o Goberno foi o desencadeante de todo o malestar que sofre a poboación nicaraguana con situacións que, aínda que sexa moi duro dicilo, son peores que as vividas na época da ditadura de Somoza.Foto 6

Nas últimas semanas están matando moita xente, tanto nas zonas rurais como nas urbanas. Non hai cifras oficiais, pero xa son máis de sesenta os mozos que morreron por protestaren pola situación de represión e falta de liberdades que existe en Nicaragua. Pensabamos que a poboación estaba adormecida, insensible aos abusos que cometía o goberno de Ortega, pero a raíz das últimas manifestacións multitudinarias, descubrimos que había un malestar oculto que espertou e que aumenta segundo se percibe con máis claridade o abuso continuo do poder. Desde todas partes estase pedindo que cese a violencia e as partes senten a dialogar, pero a conduta de Ortega impide sermos optimistas no éxito deste diálogo. Aínda que revogue o decreto de reforma da Seguridade Social, a falta de información sobre os brutais acontecementos ocorridos nas últimas semanas está demostrando que a única saída posible virá dada co fin do mandato orteguista. Deben convocarse novas eleccións de forma libre e transparente, con garantías de que a opinión dos nicas será tida en conta.

A Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) solicitou xa por terceira vez este mes a anuencia do Estado de Nicaragua para realizar unha visita ao país, observar no terreo a situación dos dereitos humanos e investigar as mortes, algo que é un clamor por todo o país. Esixe así mesmo, en defensa da liberdade de prensa e a liberdade de expresión, o cesamento da represión e as agresións contra os periodistas e medios de comunicación. A CIDH é un órgano principal e autónomo da Organización dos Estados Americanos (OEA), cun mandato que xorde da Convención Americana sobre Dereitos Humanos. Por outra parte, o CENIDH (CENTRO NICARAGUANO DE DEREITOS HUMANOS) está presidido por Vilma Núñez de Escorcia, unha muller enormemente valente que se fixo eco da actual situación que vive o país desde o principio e que popularizou a frase “Dereito que non se defende, dereito que se perde”. Son moitas as voces que se están alzando.

Cando esta entrevista chegue a vós, se cadra Ortega será pasado e a esperanza realmente sandinista, futuro.

Pedro Pedrouzo Devesa

Deixar un comentario