Domingo, 31 de marzo de 2019. IV de Coresma


Non é un fillo pródigo da Igrexa

O sacerdote e poeta Ernesto Cardenal foi suspendido “a divinis” polo Vaticano en 1984. Roma non aceptou que colaborase co Goberno de Nicaragua do que foi ministro de Cultura. O 17 de Febreiro o papa Francisco, ao que lle interesa máis o evanxeo que o dereito canónico, recolleuno nos seus brazos de bo pastor na Igrexa que o rexeitaba.

Non é, con todo, a volta do fillo pródigo da parábola á casa do seu pai, porque a Cardenal ata os guerrilleiros sandinistas chamábanlle “pai”. Viviu sempre a esencia do sacerdocio primitivo. Non foi el quen se foi. Botárono. El pediu, por humildade, regresar, pero estivo sempre dentro, como cristián e como sacerdote. Non é unha conversión súa. Foi o papa Francisco e a súa Igrexa dos excluídos, que foi a de Cardenal, a que parece converterse. A absolución que lle concedeu o papa Francisco, ao final da súa longa vida, revela que se a Igrexa non se puxera un día de parte dos opresores máis que dos oprimidos, o poeta da vida e da fe nunca sairía da Igrexa.

A noticia é evanxélica, xa que evanxeo significa “boa noticia”. Revela por unha banda a profunda humildade de Cardenal e, por outra, a visión cristiá e humana do papa Francisco que soubo entender, mellor que os seus antecesores que condenaron a Cardenal, a identidade da Igrexa das orixes. Nela, o expulsado cabía mellor e con maior credibilidade que tantos que seguen dentro e deberían estar fóra.

Se no evanxeo dise que debería haber meirande alegría pola ovella que volve ao rabaño que polas cen que están dentro, hoxe os cristiáns deberían sentir esa alegría ao ver a Cardenal de novo no seu seo. Cunha diferenza. Os que están dentro deberían pedirlle perdón porque el non se foi nin se perdeu. Afastouno do seu rabaño unha Igrexa que parecía esquecerse do seu legado orixinal.

Juan Arias en El País

Seguro que lembrades coma min a escena que fixo famoso a Ernesto Cardenal: el, de xeonllos diante de Xoán Paulo II no aeroporto de Managua, e éste rifándoo diante das televisións de todo o mundo. Rifa que, por desgraza, non se repetiu ante ditadores de moitos países, coma Pinochet. Motivo da liorta: ser ministro de Cultura nun goberno revolucionario.

Xa sabemos que a Teoloxía da Liberación estivo moi mal vista durante os papados de Xoán Paulo II e Benedicto XVI, que o compromiso cos pobres cheiráballes a comunismo e o compromiso cos ricos e poderosos a Chanel nº5. Foron longos anos de sufrimento para moitos teólogos censurados, castigados, expulsados… nomes coñecidos como Leonardo Boff, Jon Sobrino e moitos outros non tan famosos.

E agora o momento da reconciliación é chegado, polo menos cos que aínda seguen vivos.

Os procesos na Igrexa son moi, moi lentos e, a este paso, non sei se moitos avances que esperamos poderemos velos nós, ou os nosos fillos, ou os nosos netos, ou … versionando a Martin Luther King poderiamos dicir : “Teño un sono, que algún día a nosa Igrexa deixe de preocuparse tanto das formas, os ritos, as palabras e se preocupe máis do fondo, do amor e das persoas”. Non pido máis.

Olga Álvarez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s