Domingo 24 de marzo. III de Coresma


Dos coidados e da vida. Lc 13, 1-9

A teoloxía da retribución era o grande credo de Israel, e moitas veces tamén é o noso. Nós somos un pouco como eses galileos dos que fala Xesús. Os medios cuspen xuízos e condenas, e a vella frase, “algo faría!”, peta como unha matraca nos nosos corazóns e a desconfianza apodérase da nosa capacidade de xuízo. Xesús contrapón a esa idea de retribución outra máis revolucionaria: o coidado. Diante da figueira que non dá froito a resposta de Xesús é o coidado, un ano enteiro de traballo, esperando os froitos.

A xornalista Carolina León1, afirma que os coidados son as “trincheiras permanentes da vida”, o lugar onde a vida se mantén e resiste fronte a todo, onde a humanidade pode dicir que segue sendo humana. O coidado é unha tarefa de campións, de corredores de fondo. Soster a vida implica e abrangue todo. Soster a vida propia e a das persoas que tes arredor é a maneira máis fonda e radical de ser humanos. Pero o mundo no que vivimos pouco aprecia estes xeitos continuados e aleitadores.

Póñovos un exemplo: Un mozo cae ao mar e chamamos heroe á persoa que se tira a collelo, dicindo que lle salvou a vida. Pero acaso non ten máis mérito quen lle salvou a vida todos os días, quen o levou no seu seo, quen desde o nacemento lle proporcionou alimento e coidados, pasou con el gozos e fracasos, levouno ao pediatra, fíxolle o almorzo, o xantar e a cea todos os días,…? Das dúas persoas, a que o sacou do mar e quen o sostivo todos os días, cal fixo o xesto máis heroico? Por que logo lle damos unha medalla a quen se tira un día ao mar e non a quen sostivo a súa vida día tras día? Por que unhas accións son tan visibles e outras tan pouco?

Sacar os coidados á praza pública

Temos que aprender a poñer a vida no centro, como di a teóloga Pepa Torres2, «sacar os coidados á praza pública». Preguntarnos que se está facendo desde a política, a teoloxía, a economía, a filosofía e para quen. Mirarnos a nós mesmas e preguntarnos: a quen coida todo o que fago cada día? A historia aínda está demasiado identificada coas guerras e os relatos dos vencedores e moi pouco con lugares dos cuidados, as trincheiras onde se sostén da vida. Nesas «trincheiras permanentes» onde se levan a cabo as tarefas que o sistema mantén invisibles, vinculadas ao cotián e á materialidade, aí é onde temos que estar, dispostos e dispostas para a vida e para o mundo.

É necesario poñer os coidados e a sostenibilidade da vida no centro da cultura, a teoloxía, a economía, a política,… Xesús, na súa vida, recolle toda esta tradición de coidados, tan silenciada, e a pon no centro da súa mensaxe, facendo unha opción profunda e radical polo coidado. Ponse do lado dos últimos. Pon o foco naqueles que están desenfocados, nas persoas que a sociedade nin sequera consideraba humanas. Nós, hoxe, temos que recoñecer o coidado como esencia do humano, redescubríndoo como un valor universal. Coidado e tenrura están vinculados á razón e á xustiza cordial, constitúen unha orde alternativa á da explotación e a dominación. Des-coidar, des-coidarnos, embrutécenos e acaba por nos converter en xeradores de depredación e violencia.

A parábola da figueira é a parábola dos coidados, das segundas oportunidades concedidas, e que non están exentas de coidados. O labrego coida a viña, mira por ela cada día, poda, rega, cava,… pasa un ano enteiro coidando na espera da colleita. Sabe que o froito ten que ver con algo máis grande que o seu traballo. A explotación e a dominación xeran morte, os coidados xeran vida. Coidar é pois signo de vida, é camiño de resurrección.

Marisa de Corme

1 Carolina León Almeyda é autora do libro Trincheras permanentes. Intersecciones entre política y cuidados” Ed. Pepitas de calabaza, Logroño, 2017.

2 Pepa Torres Pérez, La revolución de los cuidados. El 8 de marzo y la «cuidadanía» Suplemento do Caderno n. 213 de C

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s