Non o deixes para setembro
A Coresma é o setembro de quen din seguir a Xesús. Mais que dis, se estamos a marzo? Gosto moito dos ritmos cíclicos e estes 40 días, que se repiten ano tras ano, lémbranme á sensación da volta de verán, a do inicio do curso escolar. Un novo comezo. Dá igual se xa non estamos en idade de ir á escola, ou se non temos nada que ver co sistema educativo. Despois das vacacións sentimos que comezamos algo novo, que temos outra oportunidade, que nos renovamos. E mesmo nos vimos arriba, establecendo obxectivos que dificilmente cumpriremos: facer máis exercicio, comer máis san, aprender unha nova lingua (o inglés, of course), ou desenvolver unha desas habilidades, afeccións, que sempre quixemos, mais para a que nunca tivemos tempo.
Levouno deserto adiante
Temos a oportunidade, a sorte, de estar de novo en camiño. Dásenos 40 días para ver se realmente queremos ir a algún lado. Pode ser que noutras ocasións non nos animásemos a dar o primeiro paso, pode ser que o intentásemos mais que nos detiveramos, mesmo que desandásemos máis do andando, e que gostemos diso ou non, unha sensión de fracaso nos acompañe. O camiño non é doado (Naqueles días non probou bocado, mais ao cabo deles sentiu fame), mais é factible.
O home vive de algo máis ca de pan
Que é o que nos motiva a iniciar o camiño? Como nos vemos ao final del? Realmente nos cremos o que lemos? A Coresma insírese na nova vida. Son 40 días do noso calendario, cheos de citas, de compromisos, de teimas, de preocupacións. Non se substitúe a nosa realidade, non é un reemprazo, é un simple recordatorio, para que prestemos atención, para que nos paremos sen detérmonos, para que nos preparemos para o que dicimos crer. Temos estes 40 días. Mais sempre nos queda setembro.
José A. Martínez