Domingo 17 de febreiro de 2019. VI do Tempo Ordinario.


A verdade da humildade e as trampas da humillación. As Benaventuranzas.

Benaventuranzas
Créditos foto: https://pixabay.com/en/sad-depressed-depression-sadness-505857/

Benaventurados os mansos, as que sofren,… porque deles é o Reino.

As benaventuranzas marcan o camiño do Reino, pero tamén poden marcar un camiño de dor e destrución das persoas cando non temos clara a diferenza entre humildade e humillación. A confusión destes dous conceptos levounos moitas veces ao perigoso xogo de identificar ás persoas humilladas coas humildes. No caso das mulleres esta confusión mesmo chega a ser perversa, máxime agora que están saíndo á luz os casos de relixiosas abusadas por varóns revestidos de autoridade eclesiástica.

A persoa humilde é aquela que sabe renunciar voluntariamente ao seu para poñerse ao servizo dos demais (Xesús sendo de condición divina rebáixase asumindo a condición humana, di a carta aos Filipenses). A humildade é o contrario do egoísmo. A persoa humilde descéntrase de si mesma para acoller o outro, para acoller a novidade do mutuo enriquecemento. A humildade evanxélica xurde da nosa identificación con Xesús, home libre que acepta a súa misión, que deixa unha vida máis ou menos previsible e acomodada para xogarse o tipo anunciando o Reino de Deus. Pero en moitos, en demasiados casos, louvamos ás persoas pola súa humildade e servizo cando, en realidade, non é que sexan humildes, é que están sendo humilladas.

A humillación é outra cousa. Aparece cando identificamos á persoa non con Xesús, o home libre, senón só co seu sufrimento. O humillado non ten liberdade, non asume a súa vida como froito da propia vontade porque non a ten. A humillación é facer de menos, rebaixar a un grupo, a unha persoa. Forma parte do xogo de poder de uns sobre os outros. Supón unha xerarquía entre as persoas de tal xeito que unhas teñen o poder, o control, a autoridade, e outras non. Os humilladores fundan a súa superioridade sobre o outro en base á raza, o xénero, ou mesmo por dereito divino. Hai humillación nunha violación, hai humillación na pederastia.

Tamén hai humillación no servilismo feminino na Igrexa, cando as mulleres vemos reducida a nosa liberdade, cando non nos permiten aspirar a ser todo o que as nosas posibilidades humanas nos poden levar a ser. Hai humillación nos teitos de cristal. Tamén cando non se nos permite identificarnos plenamente con Xesús senón so cunha parte del, a servicial. Cando só se nos permite subir a un altar para limpar ou poñer flores non hai humildade, hai humillación.

A humildade libera, a humillación so serve para soster sistemas de dominación. O humilde identifícase coa persoa de Xesús, ao humillado só se lle permite identificarse co seu sufrimento. E os sistemas de dominación exaltan ese sufrimento prometendo a gloria eterna a quen o padece.

As benaventuranzas, o discurso programático de Xesús, dinos que os que sofren, os pobres, están máis cerca de Deus. Pero esta afirmación tórnase perversa cando se utiliza para xustificar os privilexios de uns fronte a humillación dos outros, cando o Evanxeo se usa para manter a humillación das persoas, apuntalando sistemas de poder inxustos. Louvar a humildade e o servizo cando esa humildade e servizo non brotan dunha elección persoal de identificación con Cristo, en igualdade e liberdade, é perverter o Evanxeo.

Marisa de Corme

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s