Falando da lingua


Tempo de esbirrar

Moita trapalladiña chega polo wasap, é certo, pero o caso é que estoutro día recibimos un vídeo que, a nós que sempre andamos co ollo e mais a orella postas na lingua, chamounos a atención. Este era un que falaba de sete enfermidades “rarísimas” que só se sofren na nosa terra. Estaban moi castelanizadas; así e todo, habíaas moi aproveitables. Tendo en conta que con este tempo e con tanta cicloxénese han de empezar os padecementos de máis de un…Falando da lingua

E aproveitando que o Miño pasa por Lugo…, haberá quen empece con carraspeira que despois lle dea en rouquén. Tamén haberá quen teña xa cargación ou incluso a quen lle ronque o peito. Ás veces a clínica é máis difusa e cando preguntas por alguén, dinche que non anda ben, que seica lle deu unha volta e a volta pode ter moitas causas, pode ser que teña o corpo revolto, que ata ás veces é como se lle viñese auga á boca, iso se non empeza a lanzar… Cando é así, moitas veces é andazo e empeza un da casa e detrás van os outros… E ao se recuperaren, quedan que parece que non beben auga con sal, parece que levan a roupa colgada neles…

Hai cousas máis serias, ás veces preguntas por alguén e  “simplemente” che din que non anda ben, non… Anda nos médicos… Polo de agora non lle deron nela, non lle deron con nada, non lle dixeron nada, pero el non as ten todas consigo, el anda coa mosca detrás da orella. Estoutro día seica lle dera un vaído, que caera ao chan e aínda bo foi que non levou un golpe… E como ver, non se lle ve nada, aínda ha haber quen ordene que fai o conto, que o que ten é moito conto!

Tamén hai quen está moi fodido, que está escaralladiño de todo, está acabadiño, seica está como ha ir! Dicía dunha volta Jesusa da Carballeira por unha veciña que tiña un mal: “Oes, che, que mala cara ten! Parece que chama a terra por ela!”.

E se a saúde empeza a ir mal, que parece que non se sae dunha para pillar outra, ao mellor dáse en pensar que o que hai que facer é ir a un santo ou a unha meiga para que che saquen o aire…

Lidia e Valentina

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s