Ler para camiñar


Non hai noite tan longa

Viaxes con Agustín Fernández Paz

 Unha biblioteca é como a cova de Alí Babá, chea de tesouros, pero sen ladróns. Coa chegada do bo tempo, algúns deciden viaxar, outros abren un libro para ir máis aló de Lanzarote, dos fiordos noruegueses, de Cancún.Ler para camiñar

Atento ás novidades, descobres xoias. Cae nas túas mans a novela Ya nadie llora por mí deste Sergio Ramírez, que vén de denunciar a tiranía do exguerrilleiro exsandinista Daniel Ortega. Tiras das cereixas do cesto e sae El final del desconcierto, de Antón Costa, que sabe economía e como explicala. Colles Todo é silencio de Manuel Rivas e les todo de quen escribe tan ben. Como o último Contra todo isto. Un manifesto rebelde. A este tipo habería que lle dedicar dous días das Letras Galegas, un agora, vivo.

A biblioteca da túa cidade non é a de Alexandría. Nin a excesiva da Cidade da Cultura: concibida para un millón de exemplares, colecciona as Obras Completas do Po e do Espazo Asoballado. Tampouco é a de Heidelberg, cidade de estatura similar a Lugo ou Ourense, pero con 2,5 millóns de libros, a biblioteca é o embigo da universidade.

Volvemos á Cova de Alí Babá. Outro día atopas este historiador xudeo, o de Sapiens e Homo Deus, Yuval Harari. Les os dous. Cae nas túas mans Hypatia, de Pedro Gálvez e devoras Nerón, diario de un emperador. Desde o expositor reclama a atención Después de la crisis de Alain Touraine. Ou La sociedad de la ignorancia, de Marina Subirachs. E como ler é gozar, les La transparencia del tiempo do cubano Leonardo Padura. Hai libros que, como os melóns, non os descobres ata que os catas. Daquela segues os consellos de Daniel Pennac, ‘os dereitos imprescriptibles do lector’. Ler o que me pete, reler, dereito a saltar páxinas, a volver cara a atrás, a deixar de ler. En definitiva, dereito a viaxar.

A última viaxe con Agustín Fernández Paz foi engaiolante. En tan boa compaña les  Non hai noite tan longa deste escritor admirable. A trama tira de ti. Queres chegar ao final, pero enfada ir tan rápido. Tentas frear, degustar a trama. Coñeces polo nome e polo rostro os personaxes. Este Agustín escribía así de ben. Sabes que foi un tipo sinxelo, novelista de valía, tan coherente que tivo a ousadía de rexeitar, despois de agradecer, o Premio da Cultura Galega considerando que os responsables actuais non defenden a galeguidade desa cultura. Home bo e xeneroso, cargado de dignidade, puntal da nosa literatura. Este creador sensible e comprometido, con xens literarios da Terra Chá, ten unha obra fermosa que cómpre degustar. Hai que ler a Agustín Fernández Paz. Non hai noite tan longa. Un apaixonante compañeiro de viaxe.

Juan Antonio Pinto Antón

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s