Editorial


O fardel da Xustiza Española

Por se hai alguén aínda despistado, hai un tributo que se paga na Axencia Tributaria Galega cando se asina unha hipoteca. O tipo dese tributo é do 1,5% do valor declarado. É dicir, que por unha hipoteca de 100.000€ hai que ingresar 1.500€. Até agora sempre pagou o comprador; a partir de agora, seica vai pagar o banco. Tal dixo o Supremo. Despois tivo estraño trasacordo. E por último o Goberno socialista decidiu cambiar a norma para que, efectivamente, pagase o banco que presta, que é o que esixe un documento notarial, e non o comprador que recibe o préstamo.

Polo medio queda unha historia ben triste. Con toda seguridade, o enguedello no Supremo pola sentencia das hipotecas sexa unha mínima parte dun sistema no que o capital financeiro nunca perde. O problema está en que os bancos deberían ter un carácter de servizo público, xa que son necesarios para que a sociedade e a economía funcione, pero son a mostra máis impúdica dun negocio privado montado sobre unha necesidade pública. Desaparecida en combate a banca pública, os grandes bancos privados son a elite do beneficio capitalista: as súas ganancias anuais, para que todo funcione, sempre deben aumentar. Case que ao mesmo ritmo das gratificacións estratosféricas dos seus consellos de administración.

Os bancos son, logo, o espello da cobiza capitalista. Sen disimulo. Pero a Xustiza debería ser outra cousa: unha balanza independente, capaz de sentenciar con criterio legal e con principios xurídicos. A Xustiza, como institución, ten que demostrar cada día que aspira á Xustiza como ideal.

É moi mala nova, xa o dixemos ben veces, o descrédito da Xustiza. O poder xudicial esá politizado no peor sentido: está “partidizado”, con membros “propostos” polos grandes partidos. A súa independencia na liorta política xa estaba cuestionada por cousas, por exemplo, como a desproporción desa interminable prisión preventiva para Junqueras e demais líderes cataláns. Agora, despois do espectáculo da sentenza das hipotecas, vemos que tampouco se observa imparcialidade na outra liorta, a de clases, entre consumidores e corporacións, entre traballadores hipotecados e poder financeiro. Os xuíces terán agora que demostrar que non comparten intereses materiais cos bancos. E demostralo ben.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s