Entrevista


CONVERSA CON MARÍA LÓPEZ VIGIL

A unha boa parte dos seguidores de Irimia resúltalles un rostro e unha voz ben familiares, desde aqueles tempos nos que compuxo esa pequena obra de arte, feita de voz -eran os tempos dos casetes–, e dunha gran creatividade: “Un tal Jesús” era, en orixe, unha serie radiofónica -tamén editada como libro– de 144 capítulos de 15 minutos cada un, un invento feito desde unha emocionante querenza polo Xesús histórico, o de carne e óso, e tamén polo pobo latinoamericano;  un invento que lle encantaba ás comunidades de base pero non tanto aos bispos.María

María López Vigil naceu na Habana, en 1944. Foi relixiosa teresiana e estudou xornalismo nos anos finais do franquismo en Barcelona, e coordinou a sección de América Latina en Vida Nueva. Apoiou a revolución sandinista e afincouse en Nicaragua en 1981, onde se nacionaliza anos máis tarde, traballando en diversos proxectos na clave da teoloxía da liberación.

María segue activa e militante. Na pasada edición do encontro estatal de Comunidades Cristiás Populares presentou un desafiante relatorio: “Benaventurados os ateos porque eles verán a Deus”, tamén referido a unha súa recente publicación, formulando a necesidade de novas linguaxes para expresar a mensaxe do Evanxeo e insistindo en que “outro Deus é posible”, e na necesidade de sermos ateos respecto a moitas formas de presentar a Deus por parte das relixións, e que pouco teñen que ver co Deus de Xesús.

A seguir resuminos a conversa de Alfonso Mascuñana con María López Vigil, que tivo lugar en Nicaragua e que tamén aborda a indignante apropiación indebida que o Orteguismo  fixo do movemento Sandinista

Que está a pasar en Nicaragua desde o 19 de abril?

O que está a pasar é unha rebelión cidadá de dimensións nacionais, espontánea e auténtica na súa orixe. Tamén me gusta chamar ao que pasou unha “insurrección da conciencia”. En resposta, pasou tamén que o réxime Ortega-Murillo desatou para frear a rebelión unha política terrorista con policías e paramilitares provistos de armas de guerra e aínda hoxe con fiscais e xuíces que seguen as súas ordes e condenan como “golpistas” e “terroristas” a centos de persoas.

O saldo é terrible para tan curto período de tempo e para un país tan pequeno. Temos máis de 300 persoas mortas, a inmensa maioría ao lado de quen protesta -os do outro lado, van á mesma conta do réxime, porque os mandou a matar e a morrer-. Temos a miles de feridos, moitos con discapacidades para sempre, a centos de persoas capturadas, apresadas e acusadas de “terroristas” por protestaren. Temos un número non precisable de persoas desaparecidas e a unhas trinta mil  fuxidas a outros países, principalmente a Costa Rica, para salvar a súa vida.

Isto non é un golpe de estado. Nunca apareceu o grupo golpista. Tampouco é un golpe financiado por Estados Unidos contra un goberno de esquerda. As relacións de Ortega con Washington durante unha década foron moi cordiais. O goberno de Ortega era de clara orientación neoliberal… aínda que con retórica antiimperialista. Nicaragua estaba aberta ás transnacionais, o goberno garantía que non habería folga, pagábanse os salarios máis baixos de Centroamérica, a minaría extractiva avanzaba aceleradamente… Non era un goberno revolucionario nin inimigo de Estados Unidos.

O que pasou en abril foi totalmente imprevisto. Para o réxime e para todo mundo. Non esperabamos o espertar da mocidade nas cidades. Tampouco imaxinabamos o nivel de represión con que o réxime respondería, aínda que xa había moitos sinais do que se estaba “cociñando”. Xa había asasinatos en zonas rurais, xa había unha represión desproporcionada ante calquera protesta, xa había un estado de indefensión xeneralizado porque todas as institucións obedecían a Ortega e a Murillo. Desde hai anos pensei, e díxeno sempre, que isto ía acabar mal. Nunca sospeitei o nivel de criminalidade, crueldade e saña que este réxime levaba dentro.

O que pasou en abril foi a explosión da conciencia ante inxustizas, agravios, abusos de todo tipo, tamén crimes. Foi coma cando se esperta dun longo soño.

Pensas que aflorou algo novo en Nicaragua?

Si, a rebeldía, a insubordinación, a toma de conciencia, sempre fai aflorar cousas novas. Tamén creo que para que haxa floración houbo sementeira. Por iso lembro sempre o que me dixo unha amiga o 23 de abril, ao comezo do estoupido cidadán. Díxenlle: “Isto é unha sorpresa marabillosa, inesperada”. Ela contestoume: “Lembra que o fixemos todas”.

Si, hai novidades importantes en todo o que pasou. Esta é a insurrección que iniciou unha xeración de mozas que vive no mundo da comunicación tecnolóxica. É a rebeldía dos “millenials”. Iso marca moito as novidades do que pasou e tamén o novo que esperamos poder construír cando superemos o pesadelo do terror imposto.

Por primeira vez vimos xuntos e buscando camiños de futuro a empresarios con campesiños, a mozos moi novos con xente maior. Desa unidade pode saír, esperamos, un novo proxecto para Nicaragua, aínda que neste momento sinto, vexo, un futuro moi complexo, por todas as feridas, os odios e os resentimentos que sementou a política de terror do réxime. Que se vai facer con tanta xente armada como paramilitares encarapuchados, os que durante meses se afixeron a actuar criminalmente e con total impunidade?

E que facer coa xente, doída non só por mortos e feridos, senón sabendo que foron veciños os que delataron os seus familiares para que os apresasen e os matasen? Haberá moito traballo pendente para remendar o tecido social, máis danado ca en calquera outro momento da nosa historia. Porque na insurrección contra Somoza era un ditador e a garda contra un pobo armado. Porque na guerra dos 80 eran dous exércitos enfrontados. E agora é un réxime coas súas forzas armadas e cunha nova forza, armada e encarapuchada disparando e actuando contra a cidadanía desarmada.

Como é o teu día a día desde o 19 de abril? Tes medo?

Todos temos medo. Provocalo é unha das estratexias do réxime. Coa rebelión de abril, Ortega e Murillo descubriron canto os repudiabamos. Na súa mente, se non os queremos, polo menos queren que os temamos. Iso fan todos os ditadores. A parella espera sufocar as protestas impondo o medo.

Nunca na miña vida chorei tanto coma o fixen desde abril. As historias que iamos coñecendo, as historias dos raparigos que mataron, o pranto das nais na televisión contando o que lles pasou, as moitas cancións que se compuxeron… Todo me facía chorar. Aínda seis meses despois, de súpeto, bótome a chorar lembrando algo. Ou escribindo isto. En abril e en maio sentía entusiasmo polo espertar da xente. Pensaba que todo sería máis fácil. Nesa etapa choraba de emoción e tamén polos mortos, porque desde o primeiro día había mortos… A partir da inesquecible marcha do Día das Nais empecei a sentir unha continua angustia e máis medo. Porque ese día vimos os niveis de saña aos que estaban dispostos a chegar. Xuño, xullo, agosto…  Cada día deses meses estivo cargado de ansiedade, de moito medo… Coñezo moita xente á que lle pasa o mesmo.

Participei en case todas as marchas que se realizaron en Managua. Unhas 20. Nas rúas, véndome acompañada por milleiros de xentes que coñezo aí, na rúa, sentindo que sentimos o mesmo, perdo o medo e recupero enerxías.

Para moita xente o FSLN foi unha organización revolucionaria que quería mellorar a sociedade. En que se converteu o FSLN?

O FSLN non existe: non hai programa, nin estratexia, nin organización. Non hai nada do que caracteriza  unha organización política,  un partido. O que existe é o Orteguismo-Murillismo, unha mafia. Unha das grandes ganancias desta etapa foi o poder fixar cada vez máis claramente a fronteira profunda que existe entre Orteguismo e Sandinismo. Aínda que tamén creo que o dano inmenso que Ortega e Murillo lle fixeron ao FSLN e ao Sandinismo que ese partido representou pode ser irreversible. Só o tempo o ha dicir.

Que papel están a xogar as organizacións de mulleres?mulleres

Están moi activas, canda os homes, nas marchas, nos plantones, acompañando as nais dos asasinados e dos presos, organizando nos territorios as protestas. Os liderados femininos son visibles e moi potentes: Irlanda Xerez ou Amaya Coppens son dous exemplos de líderes territoriais de distinta idade que se converteron en líderes nacionais nesta rebelión.

Máis aló das mulleres organizadas, un dos símbolos máis poderosos desta etapa histórica, en correspondencia co papel central que a nai tivo sempre en Nicaragua, son as mulleres nais dos asasinados reclamando xustiza, as nais dos encarcerados esixindo a súa liberdade. Teñen unha forza enorme os seus testemuños, a súa afouteza, a súa presenza, a súa determinación. Non é gratuíto que o réxime decidise atacar a marcha do Día das Nais, a máis multitudinaria da historia de Nicaragua. Disparar ese día levaba a mensaxe terrible: Ao disparar a matar contra esa marcha dicíannos: “Imos con todo”.

E o papel da mocidade?

A mocidade universitaria foi a que espertou en abril. Seguiuna a mocidade en xeral. Á mocidade seguiuna a maioría da poboación. Os mozos espertaron unha nación. “Eran estudantes, non eran delincuentes!” foi a primeira consigna que coreamos nas rúas.

Matar universitarios significa matar o soño das familias pobres deste país. Ter un fillo ou unha filla universitaria é o soño máis acariñado polos pobres. Para logralo aforran, empéñanse, esfórzanse. Isto é fundamental para entender o repudio que provocou que o réxime disparase contra universitarios. “Todo che deixamos pasar, pero xamais tocases os nosos rapaces” dicía unha cartolina que levaba unha muller na primeira marcha. Faláballe desde ese cartón a Daniel Ortega. Todo -as institucións controladas, as fraudes electorais, a corrupción xeneralizada-, todo o deixamos pasar, pero non que matase aos mozos universitarios.

Esta é a rebelión dos millenials, raparigos moi novos, que nin sequera medían as consecuencias que ían ter as súas primeiras manifestacións de protesta. Foron xenerosos e valentes. Quero sinalar especialmente a participación numerosa de moitos gais e lesbianas neste espertar cívico da mocidade.

O caso de Alvarito Conrado, o rapaz de 15 anos que un policía francotirador matou dun disparo no pescozo o 20 de abril cando levaba auga aos universitarios que protestaban é un caso emblemático desta loita. “Dóeme respirar” foron as súas últimas palabras ao caer ferido. Esa frase conmoveu un país. “Hoxe Nicaragua respira por ti” diciamos en maio, no momento de máximo entusiasmo e esperanza… porque Álvaro e tantos outros espertáronnos. “Queremos unha Nicaragua na que a ninguén lle doa respirar” dixemos cando empezou a represión.

mprense 50 anos de Medellín. Que queda de Medellín e da Teoloxía da Liberación en Nicaragua?

Queda moi pouco… porque ao meu parecer sempre houbo relativamente moi pouco se comparo o que atopei en Nicaragua en 1981 co moito que atopara noutros países de América Latina. En Nicaragua o que houbo naqueles anos foi unha insurrección contra unha ditadura e despois unha revolución, pero ao meu parecer a influencia da Teoloxía da Liberación foi moi relativa. A posrevolución demostrouno. Desde que cheguei sempre sentín que a influencia dos cambios que se deron, tanto polo Concilio Vaticano II, como por Medellín e pola Teoloxía da Revolución deixara unha influencia moi superficial e moi reducida e apenas nalgúns sectores. Comprobeino persoalmente cando pretendín usar os programas de “Un tal Jesús” na Nicaragua revolucionaria dos anos 80. Houbo un gran rexeitamento, non só da xerarquía, senón do pobo que derrocara a Somoza. Xesús

Xerarquía da igrexa católica, sacerdotes, párrocos, comunidades… Que papel están a desempeñar?

A relixiosidade que promove a xerarquía eclesiástica é extremadamente tradicional, baseada no máis arraigado da relixiosidade popular, pero sen ningunha aproximación simbólica ou de discurso que sexa renovadora: procesións, imaxes, reliquias, festas patronais…

Con todo, nesta etapa de loita popular e de criminalidade gobernamental, párrocos e relixiosas xogaron un papel fundamental facendo o que Xesús nos dixo que había ser materia do xuízo do último día: deron de comer e de beber, refuxiaron os perseguidos, curaron os feridos, protexeron os ameazados, acompañaron con presenza e palabras a rebelión da xente. Estiveron aí, aí onde a dor doía máis. Por esa ética humanista gañaron un enorme recoñecemento social. Tamén o gañou a Conferencia Episcopal, aínda que creo que é precisamente a relixiosidade máis tradicional e a visión caudillista da política a que enxalzou demais o papel de toda a Conferencia, xa que foi moi desigual a participación dos bispos. E entrado agosto e despois do tempo da represión máis centrada en ameazas, gardaron un silencio que é expresión dun temor que considero inadmisible. A seis meses de abril a xente séntese un pouco defraudada polo silencio dalgúns bispos e polo exceso de prudencia da Conferencia.

Fe católica e sociedade: Relacións de indiferenza, de consolo, de alienación, de estímulo para o compromiso social?

A sociedade nicaraguana é hoxe, practicamente e a partes iguais, tanto católica como evanxélica. En ambos os grupos de crentes predominan as ideas máis tradicionais. Iso non impediu que unha maioría da xente, sexa católica ou evanxélica, se rebele contra o réxime Ortega-Murillo, aínda que si creo que unha concepción tan providencialista da fe, como a que predomina, sempre limita o compromiso e dálle máis poder ás xerarquías, sexan pastores ou curas e bispos.

Creo que o papel das relixiosas foi despois de abril, e xa o era antes, moito máis pegado á xente, pero é invisible para a maioría da sociedade, apenas ten proxección o que fan. As relixiosas “non existen” publicamente. Coñezo comunidades de relixiosas que traballan desde perspectivas moito máis comprometidas que as de homes, pero o que fan non transcende. O machismo eclesiástico é moi marcado en Nicaragua. Non en van esta é unha sociedade moi tradicional e por iso extremadamente machista.

Levas aquí media vida… Como sentes a actitude de Europa ante a situación de Nicaragua? E a dos partidos políticos de esquerda”?

O mundo cambiou demasiado desde que eu cheguei a Nicaragua fai xa 36 anos. Penso e sinto que non hai esquerda se non hai conciencia da centralidade dos dereitos humanos, dos dereitos das mulleres e do respecto á vida non humana e ao futuro do planeta.

Creo que a esquerda tradicional, a europea, a occidental, non reflexionou suficientemente sobre eses enormes baleiros que a esquerda do século XIX e do século XX tiveron e mantiveron.

O que pasou desde abril en Nicaragua demóstrame que quen en Europa e na “esquerda” viu na Revolución dos anos 80 unha esperanza -e habíaa, pero con enormes limitacións- quere seguir véndoa así porque así xustifican a súa propia historia. Creo que se defenden a si mesmos. Ortega e Murillo, e os que os seguen, son indefendibles.

Managua, outubro de 2018

Alfonso Mascuñana Bordas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s