Crónica


Crónica desde Nicaragua (3). Outubro do 2018

Encontros e emocións

Cústame arrancar hoxe; levanteime algo canso. A mañá vai camiñando e non espabilo. Estou a agardar o correo de Managua coa entrevista que lle gravei onte a Magali, e non chega. Tiña postas ilusións en que chegase para pasar o tempo que fose necesario transcribíndoo. Porque o de Magali foi un encontro sublime. No persoal e no político.

Teño moitas cousas que contar: o encontro con Magali; a visita á familia Carrión e Gladys na 14 de septiembre (o que fora o meu barrio e a familia coa que vivira); a comida a media tarde nun centro comercial (convencional, pura franquicia para as minorías das minorías, confortable aire acondicionado, inmenso e case baleiro, con máis traballadoras que público); e unha celebración na que participei o luns na noite.Nueva imagen 1

Vivo con presión; cada pequena cousa que acontece déixame pegada (sentimental?) que necesito reter e dixerir; para que, aínda que sexa inútil, non pase desapercibido, “así no más”.

Onte saímos ás nove para Managua. Son corenta e tantos quilómetros. No quilómetro dez está Masaya, na que non se entra. A estrada está pasable. A velocidade máxima é de 90 km/hora. Todo o traxecto está poboado con veigas, vivendas, negocios, bastante tránsito de persoas, de moitas bicis -sen luces, polo pequeno arcén, ás veces en sentido contrario- e de motos. Condúcese dun xeito que non sei como cualificar, dunha maneira moi propia á que logo te acostumas. De feito, eu trouxen a camioneta ao regreso sen grandes problemas. Managua faise notar a dez quilómetros antes de chegar, con máis negocios e algúns semáforos.

A cita era nunha casa do barrio Altamira, barrio que fora construído a finais dos sesenta para traballadoras de clase media e que ao resistir en pé o terremoto dos setenta convertiuse en barrio medio-alto. Casas pequenas, bonitas e baixas, coma todas, e moito comercio na súa arteria principal.

Como chegamos antes da hora, tomamos unha pupusa, que lle gustan moito a Ana, e unha gasosa nun lindo comedor que, pola pinta e a pupusa, pensamos que era salvadoreño; pero non. Tiña sombra, que nos aliviou a calor pegañenta, previa á choiva. Fixémonos unha foto.

Magali, valentía en femeninoNueva imagen

Petamos e entramos na casa de Magali. Unha peza pequena, cunha temperatura fresquiña. Comezamos a recoñecernos e comentar as referencias recíprocas que tiñamos. Enseguida entramos en materia sobre a situación que estamos a vivir, ao unísono.

Comecei a admirar a súa maneira veterana e feminina de nomear a situación e o pasado. Eu xa non me oculto, dixo, agardo que calquera día peten ou tiren a porta e veñan por min. Case que non saio. As mulleres seguimos loitando. Estamos montando unha nova páxina web (que sae hoxe): Voces.org.ni.

Seguimos dialogando. De pronto, díxenlle que me recordaba moito a unha compañeira Venezolana, Mariana Yonusg, combatente guerrilleira no 77-78, que despois viviu en Matagalpa ata os noventa e coa que tiven moita amizade. “Mariana!!!!” -exclamou- “Se fomos compas e traballamos xuntas coas mulleres, aquí e despois en Matagalpa”.

Unha coincidencia en todos os aspectos. Comenteille o traballo de Mariana en Maracai, coas mulleres do barrio, que formaran a cooperativa de vivendas e que ela se construíra a súa. “Esa es Mariana” –comentou–. Tamén que estivera por España sobre o 2005 ou 2006 e que facía uns anos que morrera.

Saber ler a historia

Despois fíxenlle a primeira das doce preguntas que tiña preparadas: “Que está pasando en Nicaragua desde o 19 de abril”? Non houbo máis preguntas. Comezou a falar e falar, de vagar, atinado, coas palabras exactas, con paixón e con serenidade ao tempo. Un relato exemplar, compa, de alguén que na xuventude foi cadro sandinista no movemento estudantil, que loitou e continuou militando cando o triunfo; pero que, xa desde antes das eleccións dos noventa, mantén unha postura crítica coa Frente respecto das políticas da muller, do campesiñado, do enriquecemento dos cadros dirixentes, dos pactos a calquera prezo con tal de manterse no poder, da connivencia coa patronal dos Estados Unidos nas maquilas, do apropiamento individual de toda a maquinaria do Estado, tamén a electoral, da entrega das reservas naturais aos negocios dos amigos, das manobras de compra e venda ideolóxica coa xerarquía católica para maquillar as cifras de feminicidios, para prohibir o aborto terapéutico a cambio de apoio.

Fálame tamén da novidade que está a supor a insurrección do 19: a eclosión de algo que se fora xestionando ao fío de temas como os referidos, e que supón unha novidade en aspectos coma os da loita pacífica, coma os da participación da muller, da xuventude, a loita do campesiñado, a reivindicación da preservación da Terra.

E a reflexión sobre o papel das “esquerdas” tradicionais nestes anos, e a autocrítica e a esperanza en novos ideais organizativos.

Etc., etc., etc. Dúas horas e media de charla

Todo quedaba gravado nun audio que eu contaba transcribir, e tamén compartir tal cal, pois me parecía un material tamén para escoitar e debater. Pero o audio non foi. Sei que gravar, gravou, pero, a pesar de trebellar, non se puido copiar para a súa transcrición. Magali dixo que falaría cun técnico e que mo enviaría. É o que estaba e estou agardando. Seguro que o amañan e o envían. Se non, non sufro. Pagou a pena escoitar.

Xa son as doce. Acaban de regalarme un pratiño cuns anacos de papaia. Ricos. Vou indo, algo máis espabilado. Pero déixoo aquí. Tal vez á tarde escriba outro pouco.

Boa tardiña, boas xuntanzas, boa vida e moitos bicos.

Alfonso Mascuñana

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s