Pingas de orballo


Xesusa de Olas

Xesusa, filla duns fieis e verdadeiros cronistas da nosa tradición máis próxima (o señor Rafael e a Señora Elvira, de Olas) herdou deles esa capacidade social de compracer e conciliar, de saber relacionar espazo e tempo cara á solución dos pequenos contidos do corazón e cos continentes da súa alma, ou viceversa. Seduce aínda coa ledicia e o sorriso, anda coa razón dentro desta brevidade que nos leva e que non nos dá tempo a todo. Xesusa é desa xente con moito humor que padeceu os rigores do traballo que cómpre saber solucionar día a día, a pesar da dor, a pesar da incomprensión, sendo humildes e mantendo os pés na terra, agardando sempre un porvir, desde o traballo e a consideración.Pingas de orballo

Souberon, ela a súa familia, ser historiadores dos aconteceres da intrahistoria, construtores a pé de obra, saudadores do aloumiño, cribadores que bailan no mesmo cribo. Aínda a podedes ver polas Romaxes, non falta des que as coñeceu un día, xa hai moito tempo. Cantou algunha vez desde o escenario e pola megafonía, canta sempre e moito e toca a pandeireta, gústalle amosar  o orgullo de ser, en alarde da moita sabedoría rural e vendo que ese saber se encolle diante de tanta xente que observa sorprendida ou que ignora o noso patrimonio orixinal.Vai sempre cara a adiante, rindo ás frustracións que nos envolven constantemente. Inspírase na nosa historia e nos personaxes que loitaron irremediablemente contra as inxustizas, en nome dun ideal de vivir e deixar que os demais tamén o fagan. Está afeita a escoitar, a saber o que pensan os demais. Aínda que non deixa de sacar sempre o seu punto de vista, por raro que semelle, pícaro e incisivo. Sabe que o mundo, visto só polos seus ollos, é moi estreito. Sabe que precisa, que todos precisamos, da visión dos demais. Que non abonda a nosa axenda persoal, que é un erro que só amosa unha perspectiva incerta e egoísta. Di, na súa filosofía, e con razón, que para estar mal informados chega co que cada quen pensa sen botar máis lixo nos ollos coa prensa que nos botan. Escoita os amigos e cóidaos e ten razón. Aos amigos de verdade, e canto sabe! Eses que tanto escasean e que non se perden en intereses. Cando fala deles, éncheselle a boca de anceios, de grazas feitas agasallos. Os teus amigos son tamén os meus, di. As amizades de verdade, esas que non traizoan, son o máis prezado don que se pode ter na vida. Non son moitos, e por veces menos dos que pensamos, pero forman parte desa satisfeita espiritualidade que nos xungue, desa comuñón que nos leva no xeito de comprendernos iguais, mirando cara á mesma luz, sen a exclusividade da razón que a mesma razón exclúe.

Sabe, mirade canto sabe, que sobra moita verdade e que para identificarse con ela, cando é verdadeira, chega con que sexa sinxela e breve, auténtica e mesmo pequena. Tanto sabe que sabe que canto máis dá, máis ten; que canto máis entendes, máis debes escoitar para aprender, e que canto máis escoitas máis confirmas o que sabes.

Vive alá en Olas, unha aldeíña pequena do Concello de Mesía, co seu home Félix. Van en anos, sempre xuntos, e a pesar das moitas aguantadas, xogan a partida das cartas, un diante do outro, os dous pola noite, e fanse trampas “consentidas” mentres na televisión bouran calquera cousa. Non lles importa, non a miran, téñena castigada nun recuncho, pero disque lles fai moita compañía sentilos desbravarse coma cans doentes.

Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s