Política


Reforma ou liquidación

O bipartidismo puido ter, ata hai ben pouco, as súas vantaxes, pero parece que tamén tivo os seus efectos negativos: a corrupción política xeneralizada e o veto obxectivo durante corenta anos a toda reforma constitucional. Excepción feita da que, pola porta de atrás, se impuxo, precisamente por consenso bipartidista, para lle dar prioridade ao pagamento da débeda pública por riba das necesidades do Estado social. Ese veto permanente a calquera reforma da Constitución do 78 ten moito que ver coa expansión da corrupción, pois evitou reformas que facilitasen ampliar e afinar o control democrático sobre os poderes e as institucións e a máis elemental transparencia de todo o público.Imaxe política

Un réxime democrático impedido de desenvolverse e madurar facilita o autoritarismo material, baixo o manto de democracia formal, e propicia a corrupción en partidos e institucións. Normas autoritarias como a lei mordaza ou a derogación da chamada xustiza universal son unha boa mostra de cara a onde nos leva a parálise constitucional. Por no falarmos do que supuxeron os últimos vinte ou trinta anos no inzamento dun tecido corrupto que alcanzou todos os ámbitos de poder no Estado. A recente e insólita marcha atrás do mesmo Tribunal Supremo, que consolidaría a práctica ilegal e inmoral da banca española de apropiarse indebida e directamente de recursos dos cidadáns, demostra ata onde pode chegar a deturpación do sistema.

Non hai democracia madura que aguante tantos anos sen reformar as súas leis fundamentais. Pero, ademais, no caso de España a situación é máis grave: a Constitución do 78 foi froito dun consenso para transitar da ditadura á democracia que, por desgraza e pola mala cabeza dos nosos políticos, non liquidou nin rompeu efectivamente coa tiranía, como se demostra acotío coa supervivencia de tics, comportamentos e privilexios propios e orixinarios do franquismo; tampouco se chegou a establecer de vez unha democracia madura, libre de servidumes derivadas do totalitarismo. Isto é o que explica a supervivencia do culto, case que oficial, a Francisco Franco, a prescrición das torturas, a escandalosa condecoración de torturadores franquistas ou a normalización de institucións excepcionais como a Audiencia Nacional que, en realidade, está a facer cada vez máis o papel do antigo TOP.

Ou se reforma a fondo a Constitución do 78 ou será liquidada, o que pode custar bágoas, suor e ata sangue. Velaí o verdadeiro dilema que se está a fraguar.

Carlos Vázquez G.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s