Domingo 28 de outubro. XXX do Tempo Ordinario


A PALABRA Mc 10, 46–52

Naquel tempo, Xesús chegou a Xericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar: «Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!» Moitos mandábano calar; mais el berraba aínda máis alto: «Fillo de David, ten piedade de min!» Deténdose  Xesús, dixo: «Dicídelle que veña aquí.» E chamaron polo cego, dicíndolle: «Veña, érguete, que te chama!» El, ceibándose do manto, veu dando brincos até onde estaba Xesús. Este preguntoulle: «Que queres que che faga?» O cego respondeu: «Mestre, que volva a ver.» Xesús díxolle: «Ve, salvoute a túa fe.» E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño.

Actúa.jpg

A CLAVE

Carme Soto

Un dos aspectos significativos da actuación de Xesús son as curacións. Estes feitos moitas veces estraños para nós, van máis aló da mera acción terapéutica. Para o Mestre liberar unha muller ou un home dunha doenza é facelo partícipe da experiencia salvadora de Deus. Xesús non entende a proclamación do Reino sen unha real e auténtica transformación da vida da xente.

Deste xeito a narración da curación de Bartimeo vainos mostrar como o Mestre non actúa coma un curandeiro ansioso por demostrar as súas habilidades, senón que se detén para escoitar a un home o que outros querían silenciar. Este home cego e prostrado a beira do camiño recoñece o don de Xesús chamándolle fillo de David e reclama a súa compaixón. O mestre non actúa precipitadamente senón que pregunta: que queres que che faga? Non dá por suposto que o ten que liberar da cegueira, senón que espera a que o home concrete a súa necesidade e confirme así a súa confianza nel.

A curación acontece de inmediato por un dobre acto de confianza: A de Xesús na fe de Bartimeo e a de Bartimeo na persoa de Xesús e a súa capacidade sanadora. Este encontro confiado fai que tras a curación física aconteza algo máis fondo: a salvación de Deus. De feito, o Mestre non lle di que está curado senón que está salvado: Ve, salvoute a túa fe. E o cego non se limita a recompensar o sanador, senón que o deixa todo e o segue polo camiño.

Para a comunidade de Marcos esta historia convértese nun relato paradigmático de seguimento, de convocación a comunidade do Reino. A diferenza de Mateo e Lucas, que tamén recordan o feito, Marcos mantén a memoria do nome do cego, individualizando a súa experiencia e converténdoo en exemplo de conduta para o seu auditorio.

O ECO

Olga Álvarez

Estaba lendo esta lectura e, ao mesmo tempo, escoitando chorar e berrar na rúa a un crío pequeno. Nós non somos pequechos que poidamos berrar até convencer á nosa nai de que nos dea chuches. Nós somos maiores pero, ás veces, seguimos berrando, pois non queremos doenzas, mortes ou desgracias ao noso redor. E queremos convencer a Deus de que faga o que nós lle pedimos. E se non o fai, xa non nos vale. Se cando me fai falla non me axuda, para que vou crer nel?

Pero habería que pensar, antes de pedir nada, se eu xa puxen da miña parte todo o que podía, se xa busquei toda axuda posible, se xa movín Roma con Santiago para acadar o que preciso. Porque é mais doado sentar e esperar que caia o milagre do ceo, pero non. Como o cego do conto, hai que erguerse, hai que ir onde está a posible solución, hai que pegar catro berros, ou catrocentos, hai que xuntarse con mais xente que ten o mesmo problema… e cando xa non se pode facer nada máis… entón xa só queda Deus, non para que o arranxe, senón para que nos dea forzas e seguir adiante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s