Crónica desde Nicaragua (2)
Seguimos acompañando a Alfonso Mascuñana na súa andaina por unha Nicaragua convulsa. As súas cartas a Vitoria, a súa compañeira, que aquí adaptamos, expresan unha manchea de vivencias, entre a desesperación e a esperanza. Só sentimos non ter espazo para reproducilas enteiras e non sermos donos do tempo para que chegasen máis puntuais.
Finais de setembro do 2018, choiva, gallopinto, tortillas e café
Son as nove da mañá, e chove bastante, polo que non podemos saír de casa. É a primeira vez que chove pola mañá. Pola noite si que chove case que todos os días: a choiva éncheme un balde de auga na que eu me dou un baño saboroso cando me ergo.
Saín de casa antes das sete. Estou a dar unha “matinal” (así o chaman) antes de que pegue o sol. Só auga tomara ao levantarme. Así que ao pasar diante dun comedor entráronme ganas de comer un pouco e pedín un almorzo “normal”: gallopinto con oviño e queixo, dúas tortillas e café. Repriminme co fresco, co bos que están, que non estou a tomar pola auga e polo xeo . De momento estou a ser estrito con iso, para evitar os parasitos. A ver se aguanto. Tomo allo. O almorzo costoume 1,80 euros. A vida “corrente”, alimentos, transporte… é moi barata: coma sempre, aproveitámonos dos pobres.
Vivo contento vivindo con moitas menos cousas (nin boto de menos o viño na mesa…) e cunha certa repetición nas comidas: arroz, frijoles, verduras (pipian, challote, chiltoma, tomate –moito- cebola), ovos papaia, aguacates riquísimos, bastante auga (3 l. me recomendaron) á que case sempre poño algo de limón, patacas -moi poucas- e pouco pan, malo, tipo bimbo, que eu agora cambio por tortilla que venden preto da casa.
Seguindo coa mañá de hoxe, despois do almorzo camiñei a mercar o xornal. Curiosamente o que hoxe se pode ler é A Prensa, o de dereitas de toda a vida, que non é propiedade de Daniel Ortega.
Nos recunchos ponse un grupo numeroso de xente desprazada polas hordas Orteguistas de Masaya que venden froita e verduras. Merqueilles un pouco de tomate, de cebola e de patacas.
Volvín mollado; cambieime, e púxenme a escribir. Chamoume o reitor da UCA e quedei de ir xantar con eles a semana que vén. Chamárao eu porque quería falar un anaco, entre outras cousas para ver se me pode contactar con Monseñor Silvio Báez, pois quero propoñerlle unha entrevista para Irimia. A ver.
Cunha muller valente: a saída disto non pode ser patriarcal
Onte estivemos de parola cunha avogada do grupo de mulleres. Longa conversa, emocionante e enriquecedora: É Nica, muller, con experiencia, fichada, valente e con acción en defensa de mozos e mozas detidos. Non son quen de transmitir todo o falado, hai datos, algúns contrastados, outros non tanto, opinión, emocións.
Datos contrastados: más de 400 desaparecidos. Na contorna localizaron tres fosas comúns. Violacións por parte dos paramilitares (elas están implantando a píldora do día despois). Torturadores de fóra do país. Casas clandestinas de detencións ilegais. No rural do norte, é o exército o que está a operar a represión. (Oía, e pensaba en Chile)
Un rumor: Ortega dará amnistía a 2 000 presos comúns, un considerable continxente, a cambio que se integren nos grupos paramilitares.
Moitas das opinións teñen o selo de Nica e de muller; a min interésame moito este último aspecto. Incluso a resistencia e as opinións respecto á posible saída é diferente se non é tan patriarcal. Pero isto é Nicaragua.
E moi incerto o futuro, con varios camiños. Tamén ve que “o imprevisto” forma parte da historia, tamén da historia da liberación da ditadura.
A corrupción que compartimos
Outro dato contrastado que recollín doutra fonte é o rol e a incrible vida dun personaxe moi coñecido aquí, presidente do consello superior electoral desde hai anos. Fillo do Cardeal Obando. Ortega foino subindo ata o posto que ten, que lle deu a vitoria electoral ao orteguismo. Dorme en Costa Rica, ten tres avións, unha mansión abraiante en Río San Juan, tamén en Managua e en Madrid, a onde viaxa nun dos seus jets.
Cando escoito da corrupción, penso nun fantástico Macondo infernal. A corrupción e a compravenda de favores ten unha extensión e unha profundidade asombrosa.
Sabedes que sempre trato de peneirar as miñas opinións de chele que proclama que “isto é outro mundo”. Non o é. Afirmo que aquilo que produce a miseria, a explotación, a morte e a corrupción en Nicaragua, Honduras, Lesbos, etc… é o mesmo que aí. A mesma causa, distintos graos nos efectos. En canto á corrupción e á organización da súa impunidade: que dicir que non saibamos! Calquera España podería ser calquera Nicaragua. Non é, como lía hoxe nun post dun amigo, que a xente se corrompa por cansazo: corrómpese porque, no magma podre neoliberal que nos envolve é difícil o control da comunidade e tamén a autosatisfacción que a virtude pode producir.
O que vexo, o barrio, as casas, a xente. Curiosamente todo me parece coñecido, en certo modo familiar. Aínda que trato de non facer comparación co vivido no oitenta, téñoo todo moi gravado e véxoo case todo como algo propio e con cariño.
O barrio é bastante pobre, extenso e dividido en xeométricas cuadras. Poucas rúas asfaltadas, e con moitas fochancas. Moito espazo aberto, verde, con animais moitas veces. Algunha xente aínda cociña diante da casa, con leña en sinxelos trespés ou pedras, así que cheira a fume e campamento. Se podo, gusto de estar sentado no atardecer mirando a rapazada xogar, a xente sentada en cadeiras ou no chan, as bicis, as motos e os vellos coches que pasan; o reguetón que sae de moitas vivendas, todas coas portas abertas e a TV. acesa. O meu veciño, don Agapito, é guitarrista. Quedamos en cantar algún bolero. Moi católico, como case que todo o mundo, ás seis da mañá pon na tele unhas campás, que parecen as da Berenguela, e a seguir a retransmisión dunha misa (“desde USA, en inglés, pero con tradutor” ) con piadosos e melifluos cánticos.
Non teño, polo de agora, unha tarefa fixa e pautada como pasaba en Lesbos ou Honduras, aínda que cada día fago algo, móvome un pouco, coñezo xente, a cidade, acompaño a Ana Vila. De momento, lévoo ben e déitome canso e son consecuente co programa zen que adoitei: inspirar, expirar, inspirar… velaí o meu programa.
Xa son as doce e vou preparar algo de comida: farei unha boa tomatada con aguacate e, tal vez, un pouco de arroz, leite agre a papaia.
Moitos saúdos por aí.
Alfonso Mascuñana