Crónica


Horizonte Universal. Salto vital.

Crónica do XXII Encontro de Mulleres e Teoloxía

P1: Ola! Que plan tes para esta fin de semana?

P2: Vou a un congreso de teoloxía feminista con miña nai e unhas compañeiras súas.

P1: Vale… E vas porque queres?Foto 1 (1)

Do 28 ao 30 de setembro celebrouse en Zaragoza o XXII Encontro de Mulleres e Teoloxía e o V Foro da Rede Miriam de Espiritualidade Ignaciana. O título deste acto en conxunto, Salto Vital, recolle moi ben a esencia do que supuxo esa fin de semana na miña vida.

Pódese entender por salto a acción de impulsarse para elevarse ata certa altura co obxectivo de percorrer unha distancia. Deste xeito, saltar semella un exercicio que implica a todo o corpo e o espazo que o rodea cunha preparación, un desenvolvemento e un efecto final.

O impulso do salto vital chega a min da man de miña nai. Ela foi quen de poñerme en contexto. Faloume das compañeiras que me preceden. De mulleres loitadoras nas súas vidas e referentes capaces de construír un espazo difícil de delimitar cunha achega tan curta como é a miña.

Deume a coñecer tamén as mulleres coas que medrei. Elas reflicten aquilo que, á súa vez, as precedeu, pero cunha gran vantaxe. Teño a sorte, a través e grazas a elas, de comunicarme coa tradición. Como cando na facultade temos clases expositivas e interactivas. Clases maxistrais e prácticas.

Son a enerxía e o impulso necesario para se lanzar ao salto. Entre todas (as anteriores e as presentes) teceron a tradición da que brotou algo tan fermoso como o vivido nesa fin de semana.

Cos pés no aire, resulta complexo describir todo o que alí aconteceu. Nunha fin de semana asistimos ás conferencias de Ivone Gebara e Yayo Herrero, participamos facendo preguntas a través das mesas redondas e faladoiros, traballamos en pequenos obradoiros sobre temas concretos, bailamos nunha batucada polas rúas do centro de Zaragoza, visibilizamos as mulleres que constitúen a nosa historia (mesmo a máis recente), charlamos, cantamos… e aínda máis. Non obstante, gustaríame destacar varios aspectos.

Por unha banda, vivín todo isto como un festival de emocións. Sentinme fascinada, emocionada e apaixonada. Por momentos, vulnerable e pequena e, noutros, forte e grande. Foi, como ben dixo unha compañeira, líquido. Adoptei distintas formas e temperaturas.Foto 2

Por outra banda, creo que nada disto sería posible sen recibir tanto como recibín. Integreime nun grupo galego, unido, humilde, alegre e disposto a todo, que compartía con moitos outros grupos doutros lugares. Sen elas, e sobre todo sen as máis semellantes, non volvería con tantos retos e desafíos; así como ledicias, risas e afonías.

Finalmente, a aterraxe deste salto de altura delimitou un percorrido. E máis ca iso, un marco desde o que ver de novo a miña realidade. Nun primeiro momento, xorden moitos interrogantes moi diversos. Onde están as oprimidas polo sistema ou pola súa cor de pel? Onde están as mulleres crentes  e as crentes que xofren isto? Que podo facer eu? Cal é a miña realidade?…

Nun segundo momento, preparei un colacao e tomei un instante para ordenar os meus pensamentos. Respecto de min mesma, vou ter que dar un salto vital importante e era algo ao que lle tiña moito medo. Non obstante, despois do vivido no congreso, analicei a situación desde outra perspectiva.

Certo é que non sei onde estarei dentro dun tempo. Non sei tampouco con quen, de que xeito ou como. De feito, nin sequera sei que idioma falarei para entón. En suma, non sei que pequenos saltos me quedan por dar, pero, grazas a ver os saltos que outras mulleres (particularmente, coas que compartín os tres días de congreso) deron nas súas vidas, o conto semella diferente.

Tamén é verdade que non me vexo soa dando ningún salto. Ten que ser con outras mulleres. Animada, acompañada, loitando e celebrando con elas. Desde entendementos comúns da sororidade nun proceso recíproco continuo.

Respecto da miña relación coa sociedade, no congreso decateime novamente de todos os pequenos saltos que nos quedan por dar. En relación coa Igrexa, a miña liña é a das mulleres. A das mulleres segrares que loitan por conquistar as posicións de poder ás que se nos obrigou a renunciar sen previa discusión.

En relación ao feminismo, estou coas mulleres crentes. Hai que poñer as pilas para ofrecer novas sensibilidades ao movemento e atopar o noso espazo. Aprendín que como crentes temos moito que ofrecerlleá sociedade en xeral e ao feminismo en particular. “Canto valemos!”, destacou unha compañeira. E que certo é.

En relación con esa sociedade en xeral, xa me perdo un pouco máis porque o marco é moito máis amplo do que son capaz de concibir. Porén, se ben a miña misión como cristiá é construír o Reino de Deus, o Reino non pode limitarse mediante unhas fronteiras, unha cor de pel ou unha clase. Ten que ser transversal e todas as persoas temos que poder gozar do/no mesmo.

A altura do salto é considerable como para dalo nun tris. O último en que pensei co colacao a piques de se esgotar foi que vivimos un momento apaixonante. Hai moitas frontes abertas e moitas persoas movéndose en moitos niveis distintos. Polo que tan só nos queda recoller todas as experiencias vividas, collerse das mans e dar saltos vitais. Pequenos (ou grandes) e cada día.

Clara Baliñas Vidal

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s