Falando da lingua


A relatividade galega: “Deus é bo e o demo non é malo”

Hai persoas que saben moito deste tema da fraseoloxía, no que nós somos unhas afeccionadas. Daquela quedamos marabilladas coa sapiencia de especialistas da talla de Xesús Ferro Ruibal, a quen tivemos a oportunidade de escoitar nun relatorio sobre o tema o pasado mes de xullo. Como non vimos ningún lector desta revista por alí, a non ser que nos pasase de incógnito, decidimos compartir convosco unha pequeniña parte do que aprendemos arredor da explicación didáctica que ofreceu. A primeira cuestión na que nos fixo reparar foi algo que é evidente, pero sobre o que nunca reflexionaramos: o uso do refraneiro e da fraseoloxía é propio de persoas de idade, porque se empeza a usar a medida que medramos. Certamente, a rapazada non emprega nas súas conversas refráns e, conforme imos cumprindo anos, empezamos con aquilo de “como di meu pai”, “como diría miña avoa…” Tamén é certo que os tempos mudan e as realidades tamén, polo que a mocidade actual non sei nin se vai entender aquilo de “Este rapaz parece que ten o muíño picado”. E tampouco o entenderá xente de idade na terra onde non tiveran muíños coma os que temos nós.Falando da lingua

Outra cousa ben certa na que non está mal insistir: o refraneiro reflicte a nosa realidade. Daquela, nun territorio onde chove moito xa nin caso facemos cando se produce este fenómeno, polo que é normal que empreguemos frases do tipo “Por min que chova” ou “Fágoche o mesmo caso se estivese chovendo” cando queremos manifestar indiferenza. Obviamente isto nunca o diría un andaluz, para eles é case un acontecemento que chova ou ás veces unha conmoción (cando lles leva todo por diante); daquela poden dicir “Salga el sol por Antequera o salga por dondequiera…”, algo que para un galego non ten sentido. En Galicia, polo menos na zona costeira, podemos mesmo esaxerar ao respecto: “Que chova ata que afoguen os peixes”, ou por nós “Que chova ata que o can ande dereito”.

E seguindo coa chuvia como esa nosa realidade tradicionalmente presente, oímos que lle “chove a alguén” cando non está moi ben da cabeza. Ao ser esta a parte de arriba do corpo, faise un xogo comparativo coas casas, que leva a que digamos tamén que alguén “anda mal do tellado” ou  que “ten mal a parrumeira”. Loxicamente non é expresión galega “estar mal da azotea” porque as nosas casas (polo menos as tradicionais) non tiñan azoteas. Así que temos que ter ollo con interferencias deste tipo, das que temos avisado xa algunha vez!

Lidia e Valentina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s