Entrevista


Plataforma de Galeras, unha mirada sobre o barrio.

Conversa con Pilar Sampedro

A Plataforma de Galeras nace no ano 2015 como unha asociación de carácter reivindicativo para defender o espazo público. Desde a súa creación, a plataforma acumula toda unha serie de éxitos nas súas reivindicacións, sen descoidar a vertente cultural que persegue a posta en valor do barrio, da súa historia e da súa xente. Falamos con Pilar Sampedro, integrante da Plataforma.foto1 (1)

Por que se crea  a Plataforma de Galeras?

Esta sempre foi unha zona moi reivindicativa, pois non lle quedou máis remedio. É unha zona que nace, por dicilo dalgún xeito, cun uso sanitario arredor dos hospitais e que, tras quedaren abandonados, tivo que se readaptar. No 2015 existían varias asociacións que, embarcadas nunha mesma loita, decidiron unir as súas forzas, e foi así como se constituíu a plataforma. O conflito orixinouse cando cercaron unha zona do parque de Galeras coa intención de construíren un polideportivo e unha rotonda. Durante un tempo fixéronse concentracións semanais no chamado “km 0´´, onde se pretendía facer a rotonda, ata que finalmente se logrou a paralización do proxecto. Houbo que enfrontarse non só á empresa privada que pretendía ocupar o noso espazo, senón tamén ao concello, que por aquel momento tiña outro tipo de goberno e apoiaba os fins privados.

Como se organiza a plataforma?

Fundamentalmente a través do correo electrónico e as reunións presenciais que facemos. O noso principal problema é que non dispoñemos dun local para celebrarmos estas xuntanzas nin para desenvolvermos as nosas actividades, o que nos limita moito. A pesar disto, estámoslle moi agradecidos ao anterior cura da parroquia, Juanjo, que tivo a ben prestarnos un local parroquial para reunirmos. Juanjo era unha persoa moi especial, un cura aberto e galeguizador que participou activamente nas protestas e reivindicacións como un veciño máis. A nosa pretensión é que, unha vez rematen as obras de restauración da Casa da Luz, o edificio de Fenosa, poidamos empregar o lugar para uso cultural e asociativo.Foto 2

Cres que as asociacións veciñais teñen cada vez máis peso á hora de tomar decisións no que respecta á vida da cidade?

Depende do goberno da cidade, pero neste caso eu creo que si. A nós gústanos traballar e negociar coa Administración para lograr melloras. De todos os xeitos, non está nos programas de determinados partidos seguir contando cos barrios. Nós na etapa anterior tivemos sempre un enfrontamento co concello. Neste momento existe una relación moito máis colaborativa, máis de escoita. Por exemplo, este ano estivemos traballando co concello na defensa dos usos do hospital. Os terreos sobre os que se construíu foron expropiados para uso sanitario, e coa axuda da Administración finalmente logramos que unha porcentaxe do edificio vaia ser destinada precisamente a ese fin cando abra de novo as súas portas. O que pretendemos é que ese espazo sirva como residencia ou centro de día para a xente maior e, en definitiva, recuperar un servizo que perdemos. En Carretas había un asilo, que con cartos públicos, non da Igrexa, foi rehabilitado e reconvertido no centro de acollida do peregrino. Desta maneira, perdemos a posibilidade de ter a xente maior aquí, preto de nós.

Cal é o obxectivo principal que se persegue?

O obxectivo que perseguimos é vivir un pouco mellor e que a poboación estea cohesionada. Eu creo que a mirada sobre o barrio é fundamental nestes momentos: ver que tes, que necesitas, que podes reivindicar, que podes defender… Esta cidade moveuse tradicionalmente arredor do turismo, a relixión e a universidade, pero realmente a xente onde vive é nos barrios. O barrio é a primeira célula de convivencia, polo que calquera mellora da calidade de vida dos barrios é interesante.

Existen outros proxectos ou iniciativas en marcha neste momento?

Si, así é. Outra reivindicación que temos e que tamén está sendo atendida é a da Finca do Espiño, unha especie de pazo modernista maiormente en ruínas. O anterior goberno municipal iniciou una negociación para facer vivendas de alto standing, e o que queremos é limitar o uso residencial do espazo. Por outro lado, estamos recollendo incidencias en relación coas obras necesarias e estamos tratando de devolverlle ao barrio o servizo do que ABANCA o privou ao pechar a súa oficina. Con todo, nós non só reclamamos, senón que tamén achegamos ideas en relación co barrio. De feito, estabamos falando da posibilidade de conseguirmos algunha bolsa de estudos para que algún estudante fixese unha investigación sobre a historia do barrio.

A vertente cultural ten cada vez máis peso na axenda da plataforma.

Nós o que queremos é  defender o patrimonio tanto construído como natural, social, cultural ou persoal. Cando homenaxeamos a Chao Rego, o que estamos facendo é defender ese patrimonio persoal noso. Esa iniciativa foi, ao meu parecer, especialmente interesante, posto que puxo de manifesto a forza que pode ter una asociación de veciñal, xa que recibimos moitos apoios, tanto doutras  asociacións de veciñais como culturais, etc. É moi satisfactorio ver como unha una asociación pequena decide homenaxear unha persoa nun ámbito reducido como pode ser o seu barrio e, de súpeto, atópase con toda unha serie de asociacións, fundacións e institucións do país dispostas a colaboraren.Logo

Entón existe unha relación de colaboración, non só coa Administración, senón tamén con outras asociacións e plataformas veciñais?

Nós colaboramos nos orzamentos participativos do concello e reunímonos con outras asociacións para ver que podemos facer, tentado sempre non tropezar cos demais. Por exemplo, San Lourenzo en San Xoán fai unha fogueira, entón nós o que  facemos é unha recollida de herbas, para así poder acompañalos, e que eles tamén veñan con nós.

Irea López Rodríguez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s