Política


Pospolítica

Esquecemos a política, aquela dialéctica na que discutiamos as distintas formas de organizármonos socialmente, todas lexítimas, moitas veces incompatibles.

Ás veces apelabamos á liberdade das persoas para elixir, outras á necesidade de reequilibrar economicamente a vida da xente, marcada xa ao nacer por unha feroz desigualdade. Pediamos diversidade cultural para que o biotopo cultural agromase louzán, rico e variado e non se deixase levar polo aburrida e pesada monocultura, tan eficaz a curto prazo como estéril a medio e longo. Pensabamos en plural sobre asuntos que trascendían a nosa vida individual con decisións que afectaban a unha gran maioría.Politica

Hoxe todo iso desapareceu. A pospolítica naceu vigorosa e cunha clara determinación de facerse única, grazas á inestimable axuda das redes sociais, que fertilizan o seu discurso. E que dúas trabes sosteñen a pospolítica? A primeira é reducir todo debate público ao mundo simbólico do enfrontamento tribal. Todo queda resumido a unha loita entre posturas non só incompatibles, senón directamente adversarias, inimigas, imposibles de reconciliar, porque apelan ao sentimento de clan: ou monárquicos ou republicanos; ou nacionalistas centrais ou periféricos… Sempre posturas nas que o esencialismo se erixe dominante. Imposibles terceiras vías, porque os discursos constrúense desde a condición de vítimas, e iso lexitima a súa condición de haters: todos resultan ser indignados xusticeiros que din as cousas como son e como ninguén se atreve a dicilas. O cabreo castizo conquistou os nosos corazóns a ambas as dúas beiras ideolóxicas.

A segunda trabe na que medra vizosa a pospolítica é a capacidade para “malmeter”, verbo de toda a vida cun significado moi actual. O centro do debate político actual son os pecados veniais, carnais, fiscais e/ou mortais dos nosos políticos. A nosa clase dirixente dedica o seu tempo a escarabellar as vidas dos seus adversarios, os másteres, as declaracións fiscais, as compras de vivenda, as reunións ocultas, os estudos, as noivas do instituto… Todo canto lixo poida exsudar a vida dun político convértese en noticiable. Como confesores da santa Inquisición, queremos determinar a pureza vital e ideolóxica dos nosos representantes. Non nos interesan as súas ideas, non nos interesa que propoñen para mellorar a nosa vida, non. O que queremos saber é ondeafoderon.

E sucumbimos á pospolítica…

Pedro Pedrouzo Devesa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s