O Trasno


O demo maior

Se un escoita o discurso da dereita, o dos veciños da volta e o dos faladoiros da galega, diríase que o de subir impostos, e os impostos mesmamente, en si, son o demo maior.  A cousa é contaxiosa. É fácil, non hai moito que argumentar. Pasa como co asunto dos inmigrantes. O discurso das tripas. O Estado róubanos. Os negros teñen a culpa. Veña, a cambiar de tema.  currar-a-destajo-en-las-urgencias-de-la-paz-los-enfermeros-acumulan-3-944-horas-extra

Abofé que non cadra moito co tema seguinte, que normalmente é algún destes: a merda da Seguridade Social, a miseria da pensión do vello e a sogra agardando pola dependencia. Pero tanto ten. A dereita gaña a batalla do discurso. Porque non se apean do elemental, do visceral, do simple. Desde Trump a Casado. O capital ten bos gladiadores e ben pagos.

Pero se o pensamos ben – se pensar non é pedir moito– deberiamos esixir que o asunto fiscal fose un tema obrigado na escola, nos medios e na peixería. Mesmo no Facebook, en Instagram e en Galegram. En serio, con expertos: a reforma fiscal necesaria, pros e contras, por diante e por detrás, directos e indirectos, renda e patrimonio, dos ricos, dos de medio pelo e dos calvos de todo. Canta solidariedade queremos? Canta desigualdade, exclusión e inseguridade? Que sociedade?

Non valen parches. Ningunha promesa da esquerda sen un cálculo económico: como o vou financiar. Con que ingreso vou acometer ese gasto que prometo?  

Agora nos pactos de Estado falan de incrementar os ingresos públicos subíndolles o IRPF ás rendas de máis de 140.000 €. Isto é: unidades de convivencia que ingresan máis de 10. 000 € en 14 pagas (Se son dous, 5 000 €/mes, con dúas extras cada un). Habelos, hainos, pero onde están e cantos son? Vai ser un incremento de ingresos significativo? Canta investigación, educación pública, médicas e enfermeiros, dependencia e paro para os maiores de 55 se vai poder pagar con tal ingreso extra?

E por que 140.000 €? Será que un deputado raso como media anda polos 4 500 €, que multiplicado por 2 e por 14 dá xa 120.000 €? Marcan eles a fronteira da “riqueza”? Que pensarán as familias con fillos e fillas, con menos de 25.000 €, a inmensa maioría, os usuarios do público?  Por que non unha reforma valente e “natalista” que incremente o gravame en unidades de convivencia sen fillos con ingresos de máis de 5 000 €/mes -que chega ben? Aí si hai un continxente importante, libres de cargas, e se cadra dispostos a acurtar algo a próxima viaxe a Tailandia para que mellore o ensino público.

Daniel López Muñoz

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s