A derradeira leición do mestre é o título dun cadro cheo de simbolismo e leccións, realizado en 1945 na fermosa Bos Aires, xa que o Noso Gran Castelao vivía no exilio. Nel expresa a inxustiza da brutalidade, da represión, dos asasinatos franquistas, a inxustiza do fusilamento doutro Grande, Alexandre Bóveda, e de tantos mestres e mestras de escolas e de vida.
Nun xantar de compañeiros, deses xantares rápidos dunha hora para volver ao traballo, reflexionabamos de como estariamos sen ter que soportar as barbaries do franquismo, as súas consecuencias e secuelas, da esperanza de que as ideas emerxidas na segunda República seguisen adiante, que a sociedade camiñase cara ao avance e o progreso, que nos farían máis libres, máis xustas, máis iguais. Soñabamos xantando! Aínda hoxe hai persoas que son incapaces de condenar a escuridade, a barbarie e a inxustiza.
Nós, os do xantar, xa quedamos para ir contemplar o cadro, contemplar o pranto de dous cativos ante o cadáver de Alexandre, asasinado polo franquismo.
Teresa Souto Loira