Como para sacar peito
No chamado “debate de autonomía” houbo referencias á lingua galega. E como tantas outras veces a lingua é o mellor símbolo de Galicia; a nosa gran metáfora, o espello que expresa o que somos e o que deixamos de ser.
Feijoo saca peito e inventa unha realidade virtual. Cun dato certo encobre toda a realidade e tira conclusións máis que cuestionables.
O dato é que máis do 97 % dos galegos e galegas poden falar e ler galego, o cal é a “mellor cifra da nosa historia”. Pero a cousa queda aí. Pásase con pés de la sobre a realidade minguante de falantes, de galego-practicantes e, aínda máis, sen o máis mínimo rubor o presidente descólgase coa teima de que hai que “seguir mellorando as competencias lingüísticas dos galegos”. Non será das competencias en galego? Para que se queren, exactamente?
O caso, como en tantas outras cousas, é negar a evidencia. Nunca discutiremos -aínda que habería- a competencia efectiva para poder falar e ler, para usar a lingua propia de Galicia de practicamente toda a cidadanía galega. O asunto é que podendo, non queremos, non nos sae, non nos reina ou, quizais, para variar, avergoñámonos.
A Real Academia Galega conclúe, tras estudar o tema, que tras vinte anos de políticas lingüísticas da Xunta, as persoas galegas co galego como lingua inicial nas súas vidas pasaron de 60 % a un 40 %. E din: “Algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán”.
Se a cousa, como parece, segue indo de prexuízo social e complexos, máis nos cumpría que en vez de esgrimir estatísticas absurdas para agachar a evidencia, Feijoo e gabinete, no canto de tanta Galicia-Galicia-Galicia, espertasen un día dicindo, “Hoxe instálome no galego. O galego é o meu fogar”. Os subordinados quedarían abraiados, pero o prexuízo quedaría ferido.
Por que iso é imposible? Pois porque a lingua galega é o termómetro da nosa capacidade de estarmos no mundo doutra maneira, sen complexos. É, como dicimos, a gran metáfora de Galicia.