Domingo 14 de outubro. XXVIII do Tempo Ordinario


A PALABRA Mc 10, 17–30

Naquel tempo, no preciso momento en que se puña Xesús en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou: «Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?» Xesús contestoulle: «E por que me chamas bo? Ninguén é bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.» El respondeu: «Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.» Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu: «Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.» Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens. Xesús mirando todo arredor, díxolles aos discípulos: «Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!» E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. (…)

euro_bank_notes_coins_european_currency_business_trade_finance_profit-828663.jpg

A CLAVE

Marisa de Corme

De pequena oía dicir: “eu ao ceo hei ir, que nin roubo nin mato”, pero… Abonda con cumprir a lei? A relixión limítase a un conxunto de normas que cumprir? Iso é lexislación, e para lexislar non fai falla Deus (entendédeme, xa pasaron os tempos de Moisés…).

Por aí vai a pregunta do mozo rico. Cae na conta de que ten que haber algo máis que cumprir leis, porque el leva facéndoo desde novo e non se sente pleno e feliz. Só cumprir non enche a existencia humana porque non somos escravos. Estamos chamados á liberdade.

A resposta de Xesús é o amor: mírao aos ollos, con cariño, e dille: “vén comigo!, descolócate!, salta!, deixa atrás esa vida de escravo que levas e lánzate ao amor, á confianza…. Desprega a túa espiritualidade!”. Pero di Marcos que o mozo marchou porque tiña moitas cousas ás que se aferraba, que lle daban seguridade, si, pero que o lastraban para voar…

Xesús convídanos a camiñar fóra do seguro, no amor, no camiño da felicidade. Así, por exemplo, cando un pai, unha nai, elixen ter un fillo ou filla, dan un salto parecido, un salto de amor e confianza na vida. E nada hai comparable a tal experiencia!! Saltos coma ese fan a vida un pouco máis plena.

O ECO

Christina

Hai riquezas que non van na carteira e pesan coma lousas, cadeas de presidio, áncoras de fondear. Que medo me dan esas riquezas que mesmo na maior da indixencia material son quen de afastarme do teu camiño. Ando en matinar en apegos nunca antes sospeitosos. A procura de compañía, amizades máis ou menos fondas, mesmo compañeiras de ocasión, apoios dun día ou de máis, ou simples contactos, amores fondos e paixóns, tanto ten. Valoro tanto a relación, a comunicación, a complicidade, esquecendo que moita xente non as ten. Aprecio, aprobación, recoñecemento, existir de cara á sociedade ou a familia fan que venda ás veces por pouco a miña parte da herdanza do Reino por un sorriso ou un signo de acollida. Hai riquezas que amarran a liberdade e podrecen os soños, máis que os cartos e as posesións as veces.

Quixera prometerche que nada, ninguén, aínda que teña que ficar na soidade máis completa, (quen sabe se grazas a ela?) me poderá afastar de ti, do carreiro de luces que, como nos avións, leva á saída da salvación. Aínda que teña que camiñar soa e de noite por andar nos teus vieiros, corredoiras esquecidas e asilveiradas na procura da paz, a túa, da xustiza, a túa. Quixera prometercho. Prometerche que a túa amizade é a única que importa, o amor indispensable sen o que nada, ningún dos meus afectos ten sentido, como non sexa o de afastarme de ti.

Si, prometo. Esa promesa sexa canto teño.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s