Crónica. Dúas semanas no Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”


Con ganas de vivir un verán diferente, que tocase experiencias diverxentes ás que traballamos na escola, recorrín a Francisco Javier, da Casa do Romualdo, para que me indicase algún proxecto no cal votar unha man e aprender.

As miñas máximas eran cobizosas; quería tocar o traballo de campo, da terra, que é ao mesmo tempo orgullo e lousa de Galiza; as súas xentes, a maioría profundamente marcadas polas condicións que esta esixe; e as que están chegando recentemente, migrantes que atopan no campo unha saída económica da que os fillos deste xa non queremos participar, desvalorizándoo e perdéndolle o respecto.Crónica

Pouco me imaxinaba que xa desde hai décadas existen proxectos que casan estes, e moitos máis, campos de acción. A min parecíame que unha montaxe que combinase todo só podía ser froito da miña inmadurez práctica, do pouco coñecemento que tiña en levar ideais ao terreo da realidade. Por iso, foi unha alegría enorme e magnífica ir lendo todas as frontes abertas que o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” resume na súa páxina web[1], e que me enchían de ganas de ser parte de cada campo que desenvolve.

E é que estas xentes teñen un patrón moi claro: levar os coidados considerados domésticos ao terreo do común, da empatía e da solidariedade.

Da necesidade de que os cativos coñezan a vida do rural, nace un albergue-pobo-escola; do problema da xente envellecendo soa na casa, nace a vivenda comunitaria e o centro de día; da falta de recursos para preparar a comida, nace o comedor social e a distribución de bandexas de comida diariamente polas parroquias colindantes a Lodoselo, a aldea –ou máis ben centro de operacións– inicial. Só grazas a esta filosofía entendemos o incrible despregamento de infraestruturas coas que xa conta o centro.

Trabas sociais como o avellentamento da sociedade, a falta de recursos dedicados ás vellas, a soidade coa que estas teñen que convivir, as crianzas que medran divorciadas da sabedoría que as súas maiores desprenden a cotío, etc. son algunhas das máis significativas, e que é o mesmo capitalismo quen as causa e as pretende agochar. Esta equipa non se conforma con aceptar que a sociedade simplemente é así, senón que abre camiño e bótalle gañas, imaxinación e, sobre todo, sentidiño. Aínda que pareza que é a nivel municipal, arranxan conflitos estruturais.

Volvendo á miña experiencia: as aspiracións ao chegar eran, aínda que o meu lado racional quería controlarse, moi altas, e estou contenta de comunicar que a vivencia estivo á altura. Aprendín arreo sobre a vida en comunidade que debería establecerse en cada aldea, absorbín ensinanzas cargadas de sabedoría máxica e impoñente transmitida por vellas, desta que semella case milenaria, entendín un chisco máis como funciona esta terceira-cuarta idade esquecida…

Non quero enganar a ninguén, o día a día é máis difícil do que logo podes lembrar. Os silencios que cres que tes que encher, as actividades que non sabes ata o último minuto se funcionarán, o lastre das enfermidades dexenerativas e os sentidos debilitados… Despois de todo, estamos tratando con persoas que levan 60 anos máis na vida ca min. E se xa non queren seguir?  E se non lles dá a gana de adaptarse ás súas novas limitacións? Son preguntas que me fago a min mesma, e non quero caer no paternalismo de obrigar a ninguén a xogar, a falar, a escoitar… Nin sequera a vivir. Quen son eu para obrigar nada? Levo esta aprendizaxe e este monte de dúbidas sen resolver, aínda sen saber se debo seguir argallando respostas ou é mellor deixalas repousar e levedar coa semente que esta xente botou. Influenciaranme no meu futuro académico, profesional e humano, con certeza.

Quedo satisfeita e chea de emocións de ter participado (aínda facendo una mínima aportación de dúas semanas) neste Lar, e recomendo enerxicamente a participación de calquera persoa, de calquera idade, xénero e país.

Carmela Pedrouzo Miguélez

[1] Disponible en galego e castelán, en “www.cdroviso.org”

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s