Política. A U.E. en xogo


É probable que no 2019 se celebren en España todas as eleccións políticas posibles, sacando as de Galicia e Euskadi. As municipais, autonómicas e europeas teñen data: o 26 de maio. As andaluzas serán antes e as catalás antes ou despois, pero serán,á vista de como está o galiñeiro. Tamén as xerais teñen todos as papeletas para se celebraren en 2019, dada a fraxilidade do Goberno; incluso convocalas no outono próximo non sería practicamente adianto e, en todo caso, os resultados das locais, autonómicas e europeas van esixir o adianto, si ou si.Ilustración política

España está no que podería chamarse «segunda transición», sen sequera rematar ben a primeira, o que produce unha sensación colectiva de tempo de espera, de caducidade próxima do statu quo e, en consecuencia, de gran provisionalidade de todo o que dependa da política. Esta situación transitoria, por forza inestable e incluso alarmante para os fans do sistema ou do réxime, probablemente comezou o 15-M de 2011 ou, como moito, após as eleccións europeas de 2014, cando Podemos irrompía con inesperada forza no mapa político. Se a isto engadimos a nefasta xestión da crise por parte dos Gobernos da dereita, que condenaron á pobreza ou á precariedade unha gran parte da poboación, e a crise catalá, encirrada de facto desde o Estado mesmo, é natural o desacougo colectivo e que agardemos polas eleccións, uns como forma de gañar ou recuperar poder e o resto, polo menos, para saír deste maldito «nin arre nin xo». Espérase, pois, que as eleccións despexen o panorama e intúese que nisto andará afanada a maioría do país nos meses vindeiros.

Todo isto pode levarnos de novo a infravalorarmos as eleccións europeas. Erro colectivo gravísimo se caemos nel, porque a circunstancia europea é hoxe especialmente delicada, cunha extrema dereita tan eurófoba coma xenófoba, racista e antidemocrática que gaña presenza e colle pulo na UE. En España chufámonos de que esa corrente non levanta cabeza e podemos crer que a cousa vai pouco con nós; pero o certo é que aquí tamén se mercou a mercadoría podre, xenófoba e racista da antiemigración. Sen ir máis lonxe, ultimamente xa puidemos constatar, por exemplo, o apoio político expreso de Pablo Casado e os seus deputados europeos a Viktor Orbán, primeiro ministro húngaro e un dos líderes da ultradereita europea.

Sendo, pois, importantes agora as eleccións locais e xerais, é nas europeas onde seguramente estamos xogando máis: as liberdades, o benestar, a paz e a mesma UE.

Carlos Vázquez G.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: