Páxinas centrais. XLI Romaxe de Crentes Galegos. No silencio o Berro Seco


Foto 2O barullo da chegada

Aínda se sente o frescor da mañá e os romeiros e as romeiras van chegando á praza do mosteiro de Sobrado. É este o primeiro momento de maxia no que se combina a monumentalidade do recinto e os afectos e abrazos sentidos de vellos e novos amigos e amigas. Mentres a organización pon a punto todos os detalles, os veciños do lugar ofrecen a todas as persoas que van entrando na Vía Sacra pola Porta das Audiencias en sinal de acollida un petisco de queixo elaborado á maneira tradicional destas terras e o Grupo de música e danza Maristela quenta o ambiente con alboradas, pasarrúas e muiñeiras.

 

A celebración. O berro xusto e forte madura no silencio

E fómonos achegando. Guiados por Xabi, facemos mención de moitos dos lugares de procedencia de romeiros e romeiras: de Aguiño e de Castroverde, de Ferrol Terra e de Vigo, de Galegos e de Pontevedra, de Compostela e do Incio, de Brión e de Guitiriz, de Arzúa e de Portonovo, de Cambre e do Centro Penitenciario de Teixeiro, de Ourense e da Coruña, de Cambados e de Boimorto,…

Foto 1

Despois o frade (irmán) Silverio, coa imprescindible axuda da meiga Galicia, conta algo da historia deste lugar, do pobo e dos monxes, rememorando os tempos nos que Galicia intimou cos monxes e os monxes intimaron con Galicia, cando o silencio dos monxes combinaba ben cos berros de festa do pobo e cos berros de protesta contra tanto señorío que había por aquí; tamén dos tempos nos que, polos cartos e o poder, os monxes se divorciaron do pobo de Galicia. Despois de que se conta o milagre da recuperación da comunidade de monxes de Sobrado e de tantas iniciativas que alí agromaron ou foron acollidas durante os últimos 50 anos, a Romaxe pide a berros “que casen frade e meiga, nunha Galicia enteira!” E así chega un dos cumes desta 41 romaxe, cando Meiga, Frade e Pobo prometen coñecerse, falarse, amarse, criar e educar fillos e fillas, batallar contra o patriarcalismo, traballar, festexar…, morrer e resucitar en galego, coma a cousa máis natural do mundo.

Coa forza da terra, da auga e do vento,

coa forza de Deus e do pobo…

Coa forza do Materno Espirito,

que todo o fai posible…

Si, si que o prometemos;

a fala que nos deron

é un precioso herdo,

que habemos de coidar

con forza, paz e esmero.

Foto 3

Outro momento cimeiro da celebracion foi o memorial de Xesús. A emoción deste momento exprésana ben os versos de Casaldáliga, recitados pola asemblea:

As miñas mans, esas mans, as túas mans

facemos este xesto, compartida

a mesa e o destino, coma irmáns.

As vidas na túa morte e na túa vida.

Rematamos co berro colectivo, acompasado, forte, seco. Desta volta foron tres berros, tres denuncias de situacións de inxustiza, tres anuncios, desexos e compromisos. O primeiro, pola humanización da vida nos cárceres; o segundo, pola acollida das persoas refuxiadas e inmigrantes; o terceiro, pola loita contra o maltrato e violencia sobre as mulleres e pola igualdade de dereitos. Abaixámonos, pés e mans tocando firmes na terra, collemos folgos e xuntos lanzamos o berro, erguendo as mans ben alto, cara ao ceo.

O ramo, o símbolo da entrega do encargo, un agasallo con produtos da horta e doce de leite de Sobrado, foi entregado por Sara e Carlos e recollido por Nieves Espiñeira e Manolo Regal, que nos acollerán o próximo ano o 14 de setembro en Vilalba.

Foto 5

Xantar compartido

O reloxo da torre de Sobrado dá as 2 da tarde. É o momento de repoñer forzas e compartir as viandas. Os romeiros e romeiras vanse acomodando buscando o frescor das sombras ben na mesma praza, ben no xardín da hospedería do convento, pois chega outro momento de profundo significado. Comer e beber non é un acto calquera; é un momento íntimo, é nutrirse, é incorporar ao noso ser substancias valiosas. Pero é tamén un momento de compartir, de ofrecer, de recibir, de falar, de escoitar, de aledarse xuntos.

Algún grupos familiares ou de amigos compartiron o seu xantar con un ou dous dos internos do cárcere de Teixeiro que asistiron á romaxe. De primeiras é este un xesto xeneroso por parte de quen acolle, que debe ser recoñecido e agradecido; pero nisto, coma en moitos outros momentos da vida, o que recibe tamén dá, o que é acollido tamén acolle; así de preto, é descuberto como ser humano próximo, igual, dos nosos.

Foto 6

Hai outro xesto no momento do xantar especialmente entrañable. Algunhas persoas no momento das sobremesas achéganse aos grupos próximos ofrecendo un doce, unha froita ou un anaco de melón. Tamén hai quen se aproxima para pedir un sorbo de café, co pretexto de que o esqueceu. Estes xestos, os saúdos agarimosos e as conversas tranquilas destes intres, que simplemente confirman que un ano máis seguimos por aquí, axudan a manter e a facer máis fortes os vínculos que fan dos e das participantes na romaxe unha especie de gran familia.

Festa na vía sacra

Sobre as catro da tarde, recóllense as cestas dos xantares e o palco desde o que pola mañá se animou a celebración convértese agora en escenario no que se ofrecen novos agasallos musicais; estes son as actuacións de música e baile tradicional de Galicia a cargo dos grupos Aresán e A Maristela, os cantares de cego de Francisco Almuíña con apoio de carteis debuxados ao modo tradicional e a actuación estelar da cantautora Bea a de Estrella.

Oración da tardiña

Foto 7Algunhas persoas, especialmente as de máis lonxe, xa se foron indo; pero moitas outras xuntámonos, ateigando a nave central da igrexa conventual, a igrexa maior de Sobrado para facer a procesión dos símbolos (cirio, sal e Biblia) e orar xuntos á tardiña. As mesmas que pola mañá se ensarillaban bailando a Rumboia, acougan agora serenamente, escoitando a lectura do evanxeo (Mt 5, 13-16), acolléndoa e cantando

Mira, meu Deus, aquí estou para quererte,

estas mans, estas mans para servirte,

en quen máis precise delas.

Esta oración remata cunha fermosa bendición impartida polo padre prior do mosteiro (publicarase no vindeiro número da revista).

Foto 8

Uns comentarios

Esta pequena crónica pretende, sobre todo, informar aos que non puideron participar na XLI Romaxe do máis salientable do que alí aconteceu e axudar a mantela na memoria de irimegos e irimegas. Con todo, o cronista atrévese a facer uns breves comentarios valorativos.  Ao longo de todos estes anos, a Romaxe foi construíndo un modelo ou esquema moi potente e seguro, que axuda a manter un estilo e, ao mesmo tempo, incorporar novidades. Seguramente o maior logro da Romaxe de Irimia non é só a unión de fe e galeguidade, senón a integración de oración e festa, mística e loita, denuncia e anuncio. De todo isto a celebración deste ano é un exemplo, non unha excepción. Todos os comentarios que se escoitaron foron de satisfacción.

Ao tempo, a romaxe, do mesmo xeito que outras actividades de Irimia, expresa implicación con realidades que na actualidade reclaman o noso compromiso activo. Ás veces son pequenos xestos que abren os ollos e os corazóns.

Foto 4

Deixádeme rematar con algo novo, ocasional, pero que pode ter o seu aquel. Había que resolver o asunto das cancións da celebración, pois as persoas habituais non podían facelo. Alguén lanza a idea de armar un “orfeón da Romaxe”; a idea prende, convídase a xente, anímase a participación e aparecen fermosas voces e hábiles instrumentistas; onde parecía que non había, aparece competencia e experiencia de grupo. Chamarse “Os principais” é unha broma do Trasno, que chama máis pola autoestima que polo clasismo, porque, por máis que foron moitos os parabéns que recibiron, necesitan mellorar.

Lois Ferradás

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s