Falando da lingua. E ti de onde vés sendo?


Coma case todos os anos, despois da Romaxe, gústanos comentar convosco a fala do lugar no que se celebra o noso encontro anual. Este ano foi en Sobrado dos Monxes, que desde o punto de vista dialectal, entra no bloque central. Este tema dos bloques évos moi interesante, pois trátase dunha división que se fai entre as persoas falantes de galego segundo fagan o plural das palabras rematadas en -n. Si, si… É toda a franxa central, e fano diferente a como se fai no bloque occidental e mais no oriental. Se na zona da costa atlántica dicimos “xamóns”, no bloque central din “xamós” e“pantalós” e “razós”… e alá na zona máis oriental das provincias de Lugo e Ourense, así coma en todo o galego exterior (o que se fala en Asturias, León e Zamora), din“xamois”. Évos pois a formación do plural das palabras rematadas en -n a que marca a diferenza principal, o único trazo común, si, o único, aínda que logo haxa coincidencias nas falas das diferentes áreas, pero que distinga bloques, este. O territorio que ocupa o chamado bloque central é maior ca os outros  e, mesmo sen estar moi poboado, aínda que non pertenzades a el, seguro que non vos resulta estraño oír falar de “xamós”.

Tampouco vos estrañaría oír dicir “verao”, “mao” ou “irmao”, terminación empregada tamén en toda a zona oriental e no galego exterior. A dialectoloxía non entende de provincias e nin sequera de concellos. Fálase de determinado xeito ata tal sitio e desde alí xa se di doutra maneira. Calquera persoa que sexa algo observadora sabe que as persoas que din “sinco” ou “sapato” non son de Sobrado nin arredores, porque o seseo total é propio da costa atlántica; pero… se din “des”? En Sobrado, que lle escoitastes máis á xente da organización: lus ou luz? Mazán ou mazá? E aos que ían de Melide, Boimorto ou Curtis? E oísteslles dicir “nosoutros” coma ás xentes de Mondoñedo , de Ferrol ou da Mariña? Ou dicían “nós”?Falando da lingua

E poderiamos seguir, mais este espazo só nos dá para facervos unha última pregunta: serían de Sobrado ou non aquelas que falaban con gheada?

Lidia e Valentina

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s