Economía. Prazas desertas en Educación


Case 2.000 prazas quedaron desertas nas recentes oposicións de profesorado en toda España e varios medios escritos cualificaron estes resultados como unha “escabechina”. Os comentarios repítense cada vez que quedan prazas sen cubrir en oposicións. E unha das explicacións máis habituais é a teoría conspiranoica que ve neses resultados a longa man do político que, na sombra, se congratula ao calcular todo o que se vai aforrar en salarios. Esta teoría non ten en conta que os funcionarios que son membros de tribunais, a diferenza doutros, gozan de total independencia, xa que a continuidade no seu traballo non depende das decisións que tomen no exercicio da súa profesión.Economía

Realmente, é máis crible que a decisión dos tribunais se basee na constatación, triste pero real, de que moitos opositores teñen uns coñecementos máis que insuficientes. Cremos que o éxito académico dunha sociedade dependía da súa capacidade para outorgar boas notas, no canto de centrármonos  en analizar a calidade do coñecemento que transmitimos. Esiximos notas, non coñecemento. E creamos un novo ídolo académico: as notas. Un ídolo que desorienta o fin último de todo sistema educativo: dotar os seus estudantes de recursos duradeiros e eficaces para enfrontar de forma autónoma a súa vida laboral e favorecer o seu desenvolvemento persoal.

Cando nas sesións de avaliación debatemos se debemos aprobar unha materia a un alumno que sacou un 2 de media, constatamos a renuncia ao coñecemento. Demostramos que o músculo académico pasou da escola ao cliente familia-alumno, que busca a mellor calidade (nota) ao menor prezo (estudo). Non é un proceso democrático.

Apostamos por un sistema educativo inocente no que o fallo non é o alumno, senón o sistema. E no centro do sistema, o profesor. Esquecemos que o esforzo é irrenunciable. Trasladando a presión do éxito académico ao profesorado, esquecemos que o puntal clave da educación non é o profesor, senón o alumno. Este último é o que ten que demostrar o seu interese en conseguir algo. Alumnado desinteresado por aprender non é culpa de profesores pouco motivadores. Porque hai un mínimo intransferible que debe asumir o alumno: o interese por aprender. Enganar o alumno facéndolle crer que estudar é entrar nunha inercia na que o aprobado é case gratuíto só contribúe a ampliar a fenda salarial, que aumenta cada ano entre aqueles que coñecen ben o valor do seu expediente, e os que confían no seu don persoal para triunfar. E se o alumnado ten curiosidade, suple medios insuficientes, ratios elevadas, profesores pouco profesionais e despropósitos lexislativos.

Non son as leis educativas, nin o consenso entre os partidos políticos o que garantirá o éxito educativo. É a fame de coñecemento dos nenos, dos mozos, dos universitarios e dos opositores a que capacita unha sociedade para ser máis libre. Non é un problema ideolóxico. É un problema ético sobre cal é a cerna do sistema educativo e levamos demasiados anos enganándonos.

Lines Salgado Iglesias e Pedro Pedrouzo Devesa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s