A peneira


O Concello de Brión organiza o 23 de setembro a I FEIRA LABREGA. Será na carballeira de Santa Minia e haberá postos de produtos agrícolas e artesáns, así como diversas actividades. Tamén servirá para presentar a iniciativa “Daquí Darredor”, uns espazos colaborativos de transformación de alimentos caseiros que está a promover o concello, en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. feira-labrega-brión_img15196n1t0

Desde 2015 a industria dos VIDEOXOGOS é o sector cultural que máis recada en España: 1359 millóns de euros, máis do dobre do cine (602 millóns). En Galicia hai unhas vinte empresas dedicadas a este negocio que se están a mover para non quedar fóra do mercado. Nos últimos meses algunhas constituíron a Asociación Galega de Vídeo Xogos e Contidos Interactivos e outras puxeron en marcha o Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos. Desde comezos de setembro contamos tamén coa primeira revista na nosa lingua especializada en videoxogos: revistamorcego.com. Noticia 2

A tradición dos CANTOS DE TABERNA segue a recuperarse por todo o país e as convocatorias multiplícanse cada ano. Algunhas xa están consolidadas, como a de Pontevedra (na foto, o grupo Maravallada, un dos seus promotores) ou a de Mondoñedo, ambas con máis de media ducia de edicións. Outras están botando a andar, como a de Conxo, a de Pontedeume ou a do Caurel, que nos convoca o 29 de setembro na montaña luguesa para a súa segunda edición. Noticia 3

Na última fin de semana de setembro terá lugar en Zaragoza o XXII Encontro de Mulleres e Teoloxía e o V Foro da Rede Miriam. O título deste dobre congreso, no que haberá conferencias, faladoiros e máis dunha ducia de obradoiros, será SALTO VITAL. Crentes e feministas. Novas perspectivas. 18 mulleres representarán a Galicia nesta convocatoria que ten á asociación Exeria-Mulleres Cristiás Galegas entre as organizacións promotoras. Noticia 4

A VENDIMA 2018 iniciouse este ano con retraso nas cinco denominacións de orixe galegas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. Mentres, o Ministerio de Agricultura vén de autorizar a plantación de 37 hectáreas de viñedos en Galicia. Trátase dun sistema de reparto moi criticado polo sector, xa que obriga a realizar a plantación en varios anos e non se axusta á realidade de cada comunidade, prexudicando aquelas nas que predominan as explotacións minifundistas. Noticia 5

Coma cada setembro, comeza a época dos bos propósitos, como se apuntar nun XIMNASIO. Mais non todo vai ser a mellora da forma física. O Centro de Estudos Galegos de Heidelberg vén de crear unha aplicación para practicar e aprender os verbos (semi)irregulares do galego: Ximnasio dos Verbos. Podedes descargalo no voso móbil e practicar cos verbos con alternancia vocálica e os irregulares. Setembro, un bo mes para comezar a practicar coa lingua.Noticia 6

A Igrexa está presente nos CÁRCERES, prestando atención relixiosa e sacramental e acompañando os presos/as, máis de 50 000 no estado español. A Igrexa que evanxeliza no cárcere, signo de esperanza é o lema da VI Xornada Interdiocesana de Pastoral Penitenciaria que se vai celebrar na Casa de exercicios de Santiago o sábado 6 de outubro. Malia a ser un dos países máis seguros do mundo, España presenta unha taxa de encarceramento un 32% superior á media europea. Noticia 7

A que fora presidenta de Chile, MICHELLE BACHELET, vén de asumir o cargo de Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, amosando a súa preocupación polo avance da estrema dereita en Europa e criticando as medidas adoptadas polo goberno italiano sobre inmigración. Nas recentes eleccións suecas, a socialdemocracia acadou os peores resultados da súa historia (28,4%), mentres a ultradereita se aproximou ao 20% dos votos e se converteu en chave para a formación do novo goberno. Noticia 8

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s