Editorial. O señor cura non baila?


Recentemente o teólogo estadounidense  Massimo Faggioli, comentando o escándalo dos abusos sexuais cometidos por cregos contra menores en Pensilvania, falou de “colapso de credibilidade”. Esa expresión é moi clarificadora sobre o efecto que a sucesión de “asuntos” de natureza semellante teñen nos países laicos, con prensa libre e opinión pública. Hai unha Igrexa coa súa credibilidade colapsada.

Francisco rema contracorrente, trata de escoitar e acompañar as vítimas e ten que enfrontar manobras de descrédito dos sectores que  precisamente máis trataron de agachar eses crimes.

En todo caso, a realidade é testana e o que viñamos reclamando historicamente desde Irimia e outros sectores ten que impoñerse. Porque pedir perdón non abonda hai que dar pasos importantes. Para que quede constancia de que aquel colapso de credibilidade é o dunha forma de ser Igrexa, pero que outras formas deberían ser posibles.

Está, evidentemente, o asunto do celibato opcional. Haberá quen defenda que o da pederastia non ten que ver co celibato obrigatorio, que é un comportamento que tamén se observa noutros sectores da sociedade, desde adestradores de ximnasia a profesores de música. E seguramente que hai algo de razón nesa maneira de pensar.

Pero precisamente porque a realidade é teimuda, unha e outra vez os célibes á forza vense enfrontados a situacións  e denuncias que indican que ese sistema favorece certas cousas. E xa non falamos de crimes como a pederastia, senón de cousas tan naturais como atopar alguén na vida e namorarse, sen necesidade de escapar, agacharse ou sentirse culpable. O señor cura non baila, ou si, pero debería ser decisión súa, como ir ás troitas ou estudar historia. O que ten que ser é un bo cura, cunha sexualidade sa.

É o momento de explorar cambios. De establecer o celibato como algo voluntario e abrir a porta ao sacerdocio das mulleres. Aceptar que mulleres e homes casados poidan tamén ser animadores da comunidade e ministras e ministros da palabra e dos sacramentos.

Aire limpo, facer normal na Igrexa o que é normal na rúa. E facelo agora, porque, ademais, de hoxe en dez anos, cando os cregos que agora están nos 75-80 anos deixen de estar onde están, por razóns evidentes, como se vai organizar todo este asunto?

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s