Ao compañeiro e amigo Xesús Mato outorgáronlle a medalla Castelao. Non estaba moito polo labor de aceptala, mais moitos dos amigos convencérono. A medalla, aínda que moi institucional, foi un pouco para todos nós e, cando menos, leva o nome de Castelao.
Xesús Mato é cura romaxeiro, participou na creación de Fuxan os ventos, dinamizou pastoral, social e culturalmente a montaña de Lugo. Foi pioneiro na radio e un gran director musical.
Vivimos tempos ben duros onde aqueles que tiñan que ser pastores asemellan lobos cos años indefensos. E non será hora de mudar este sistema clerical-patriarcal e medieval? A igrexa parece que esmorece no mundo occidental. Nas parroquias da nosa terra non asisten á misa máis que velliños; a mocidade está ausente. A secularización é salvaxe e parece que pechamos os ollos termando do aparato.
Persoas como Mato son lumieiras acesas que indican camiños. Sobran adornos e precisamos dunha restauración máis intensa cá do Pórtico da Gloria. Veña! Que vén aí a Romaxe nun lugar cheo de espiritualidade! Un pórtico de xente viva!
Rubén Aramburu