Editorial. Irimia, novos tempos, nova etapa.


Como é ben coñecido pola maioría dos nosos lectores e lectoras, a revista Irimia, a partir do seu número mil -que se cumpre a remates do presente 2018-, vai iniciar unha nova etapa con cambios significativos. Trátase dun proceso longamente debatido nas asembleas de socios e que procura adaptarse aos tempos e aos recursos, así como aos novos xeitos de comunicación, e desembocar nun modelo sustentable, que se poida manter no tempo e dar resposta ao que se espera de nós.

As novidades máis evidentes serán o cambio de periodicidade (a revista en papel pasará a ser mensual e cun maior número de páxinas), así como o reforzo e renovación do formato e os contidos dixitais. Serán formatos complementarios dun mesmo medio: a revista Irimia. O “ritmo” do papel será máis reflexivo e o dixital poderá dar contrapunto áxil a unha realidade trepidante que non agarda pola maquetación, a impresión e unha distribución por correo, que tardan demasiado tempo.

Un medio como Irimia, con case mil números ao lombo, pode definirse pola súa propia historia e os seus peculiares “acentos”.

IRIMIA nace nos albores dos oitenta como un medio popular, próximo e enraizado para promover a comunicación e o diálogo, o encontro entre a fe cristiá -que daquela se vivía con forza en clave posconciliar, liberadora e inculturada- e unha galeguidade “renacida”, consciente e activamente militante. Medrou como medio de expresión e referencia (un “horizonte común”, dicía Xosé Chao Rego) de persoas das máis diversas parroquias da xeografía galega e de comunidades e movementos de base. Medrou aberta, unindo e interesando, tamén, a un importante número de persoas que, sentíndose cómodas e afíns ao “planeta Irimia” e aos seus habitantes, compartían causas e enfoques, esperanzas e querenzas pola Terra desde diversas sensibilidades. IRIMIA medrou dialogante, crítica, aberta e plural. E así quere seguir.

A clave do noso futuro seguirá sendo a colaboración activa, gratuíta e igualitaria dese universo de persoas colaboradoras. A nosa achega, ademais desa “tendencia” que nos define, está en que os lectores sexan, en realidade, participantes do proxecto. Que cada quen defina e decida que pode e sabe comunicar do que pasa ao seu redor, do que vive o seu grupo vital, do que cómpre “contra-informar”. Definir un grupo de xente colaboradora para este proxecto é a clave. Vaino pensando. Seguiremos informando.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s