O trasno. Ruído e silencio…tamén no gobernar


A Romaxe 2018 e a entrevista deste número ao prior de Sobrado son unha invitación explícita a valorar o silencio. O silencio que nos falta, o que tanto precisamos, o que nos dá durame e enxebreza como persoas. O que nos leva e nos ensina a escoitar. Ese mesmo silencio que vemos na xente traballadora desta terra, esa xente que fala pouco e ben, porque as palabras valen moito; e a mellor palabra é a que está por dicir… despois de moito escoitar.

Pero tamén, pola vía do contraste, podemos aprender esa mesma lección de realidade cotiá, do que pasa, do que vivimos e do que nos fan vivir.

Vemos como hai unha política do ruído, da escandaleira, da fachenda. Da inmodestia e do “venderse”, do figurar como sexa, do inventar esas post-verdades que son as trolas de sempre por outros medios máis potentes.Resultado de imaxes para foto accidente marisquiño

Política de ruído é o afán de inaugurar, sexa un AVE inseguro ou unha plataforma no paseo marítimo que ninguén revisará en anos. Política de ruído é a das autoestradas inútiles para o saqueo do público -isto último en silencio, a ver, mentres non o detecte o xuíz-, e, xa non digamos, a cousa esta italiana das pontes colgantes, que son un prodixio arquitectónico mentres non caen abaixo por non se sabe que, ou si que se sabe, pero hai que disimular, manter o tipo con ruído e botarlle os mortos a Bruxelas.

A esquerda ten a tentación de caer na mesma trampa. Esa de poñer o foco no aparente e na aparencia. Por iso cando se entra nos debates dos orzamentos públicos é sempre a mesma leria: os de estribor a inaugurar a correr e a presumir do moito que invisten en infraestruturas e os da banda de babor a berrar contra o pouco que se constrúe.

Pero hai outra cara da acción pública que ninguén semella valorar. Que só lles acorda cando caen as pontes e os paseos marítimos: ese labor silandeiro de manter as cousas en perfecto funcionamento, de inspeccionar, de evitar desastres en silencio, de velar pola saúde, o benestar e a seguridade da xente de maneira calada e efectiva.

Que por que caen as pontes e os paseos marítimos? Pois porque o mantemento non se inaugura.

Daniel López Muñoz

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s