Entrevista. Conversando con Carlos Gutiérrez Cuartango, prior de Sobrado dos Monxes


Carlos Gutiérrez, segundo el mesmo nos conta, coñeceu Sobrado por un programa de  televisión, cando era estudante de medicina en Santander, que é o seu lugar de orixe. “Pasei uns días vivindo na comunidade, namoreime e iso trastocou os meus plans, de tal xeito que… velaquí estou desde hai 37 anos”. Carlos acóllenos con amabilidade e intelixencia, como acolle a súa comunidade a tanta xente que busca sentido no medio de tanto ruído.

Pois si que o teu foi un “cambio de plan”, se cadra ben difícil de entender por familiares e  amizades….

A miña familia non o entendeu naquel momento. Moitos dos meus amigos e “dos meus” pensaron que se me fora a cabeza, posto que as súas expectativas sobre min, en relación á transición política e social, quedaban frustradas. Lembro que cando comecei a falar de oración no grupo cristián co que compartía a fe, non o comprenderon porque lles resultaba desencarnado e sospeitoso de espiritualismo.Foto 1

Explícanos logo, para que o entendamos ben, cal é o don que Deus pon especialmente nas vosas mans para que o compartades coas mulleres e cos homes do noso tempo?

A ver. Queremos que Sobrado sexa un espazo no que se respire silencio nun ambiente orante, no cal, crentes e non crentes, poidan facer unha parada para atopar augas vivas no deserto da súa existencia, ou para reconfortar e reavivar a súa fe. A palabra que emerxe dun auténtico silencio contemplativo ten unha forza comunicativa capaz de sintonizar, universalmente, co corazón humano. Queremos acoller as persoas polo simple feito de seren persoas, por seren fillas de Deus, independentemente da súa raza, clase social, lingua, sexo, cultura ou relixión; que poidan atopar un lugar no que se manifeste o sentido da gratuidade, onde encontren unha parábola de comuñón fraterna, un testemuño vivo de plenitude festiva na monotonía, de presenza silandeira e orante, no que rezume unha sensibilidade solidaria con todos e con todo. Un fogar no que os que se achegan poidan encontrar unha acollida incondicional e un acompañamento integral, no que se palpe o coidado da dimensión estética, da revitalización litúrxica e do cultivo da espiritualidade.

A romaxe que imos celebrar aquí di “No silencio, o berro seco”. Estamos nun momento de ruído tecnolóxico, de ruído informativo e de ruído puro e duro, dese que manca nos tímpanos. Polo que dis, o silencio ten moito que dicirlles  ao home e á muller desta hora?

Ofrécenos a oportunidade de traspasar os ruídos que nos traen e levan ao seu antollo e que promoven o home superficial. O silencio contemplativo axuda a achandar o camiño que permite darlle vida á persoa conducida polo Espírito. Ancorar no silencio é fundamental para poder comunicar palabras de vida de primeira man.

En Irimia lembramos con agarimo e agradecemento o mosteiro que nos axudou a nacer e medrar, aló polos 80. Aquí  era o lugar de distribución da revista e foi lugar de encontros, reflexións e debates. Houbo un soño en relación a Sobrado: que fose dalgún xeito o Montserrat dunha Igrexa que quere ser galega en Galicia, catalá en Cataluña e bretoa na Bretaña. Segue vivo todo iso?  Como se pode manter viva esa luz?Foto 2 (1)

Lembro con moito agarimo aqueles tempos que coinciden coa miña entrada en Sobrado. Actualmente mantemos a nosa implicación coa Igrexa Galega e tentamos ser receptivos aos signos dos tempos desde o noso carisma concreto. Sentímonos comprometidos co lugar onde vivimos. Ao estarmos incardinados no Camiño Norte de Santiago, vivimos a cotío na Galicia que reborda as súas propias fronteiras para saír ao encontro de diversas culturas e tradicións. A afluencia de peregrinos, hóspedes e visitantes de todas partes convídanos ao diálogo vivo e á comuñón desde a nosa propia identidade.

Por outra parte, somos, dalgunha maneira, herdeiros daquela síntese de “loita e contemplación” de Taizé, de militancias e eucaristías con significado vital. Entre os nosos santos de cabeceira figuran contemplativos, como Tomas Merton ou Ernesto Cardenal. Agora observamos unha volta á contemplación con fenómenos como o da “Biografía do Silencio”. … Perdemos loita con esa contemplación?

Taizé foi, e creo que segue a ser, unha referencia da encarnación de loita  e contemplación ou, dito doutro xeito, dunha mística dos ollos abertos; “Biografía do silencio” recupera para crentes e non crentes a espiritualidade cristiá orixinaria, nacida co fenómeno do monacato. Lémbranos que necesitamos devolverlle a Deus o protagonismo e dar prevalencia ao don, que sempre debe anteceder a tarefa. A súa contribución non me parece excluínte. Creo que é un correctivo que nos recorda desde onde loitamos e que nos axuda a manter vivo o sentido do que facemos.

O monacato sempre estivo situado no rural e sempre estivo moi unido ao traballo agrícola. Como é a vosa relación hoxe co mundo rural?

Ata hai pouco menos de dous anos, a actividade fundamental do mosteiro foi unha explotación agropecuaria con produción de leite. A día de hoxe, continuamos coa agricultura ecolóxica na horta do mosteiro. Por outra banda, en relación co medio rural, estamos sempre dispoñibles para colaborar coas actividades promovidas polo concello e os movementos culturais rurais.

Que está supoñendo na vida do mosteiro a configuración da nova “unidade pastoral de Sobrado dos Monxes?

Unha maior implicación e máis activa. A raíz da celebración do Sínodo Diocesano, proposta por David, o noso párroco, decidimos que a igrexa conventual do mosteiro fose actualmente a sé da unidade pastoral. Con iso preténdese que o mosteiro sexa o lugar de referencia da vida sacramental da unidade pastoral de Sobrado dos Monxes.

Co papa Francisco andamos en “tempos de reforma”. Cales serían as claves que consideras máis importantes para unha reforma eclesial autenticamente evanxélica?

As claves teñen que ver coa volta ao evanxeo e o retorno a Xesús de Nazaré. Teriamos que iniciar ou proseguir un proceso efectivo de desclericalización, devolvéndolles aos crentes o seu dereito a seren adultos na fe. Tamén é urxente promover unha relación horizontal desde abaixo cos homes e mulleres do noso tempo, tanto no seo da igrexa como fóra dela.

E o monacato, que tipo de reforma precisa?

Pois tamén unha volta ao evanxeo e o retorno a Xesús de Nazaré. No marco constitucional dos valores monásticos, temos avanzado figurativamente nesta dirección, facendo reaxustes na xerarquía dos valores, na súa ordenación e acentuación. Pero, a pesar deste titánico esforzo, aínda non está todo feito, nin moito menos. A nosa época caracterízase por correr, e ademais a un ritmo vertixinoso, e vén etiquetado con datas de caducidade inminentes. Verbos como moverse, camiñar, buscar, explorar, que implican un alto nivel de risco e inestabilidade coa conseguinte propensión aos erros, son expresión da dinámica á que nos urxe o futuro, que nos gusta contemplar como signos inequívocos de que hai profusión de vida. A volta ao evanxeo introdúcenos na dinámica da provisionalidade.Foto 3 (1)

Unha mensaxe final ás persoas lectoras desta entrevista…

Os monxes somos persoas como as outras, pero cunha vocación peculiar e pouco frecuente, da que a paixón vital é o encontro con Xesús de Nazaré e co Cristo da fe. Non queremos vivir para nós mesmos, senón para os demais. Por iso desexamos que a nosa maneira singular  de estar no mundo teña como  finalidade compartir o que somos e o que vivimos neste espazo de silencio, de comuñón e de misericordia con todos os que se achegan á nosa casa. Queremos que todos poidan coñecer e gozar do inmerecido tesouro do amor incondicional de Deus, que é patrimonio de todas as persoas polo simple feito de sermos seres humanos.

Redacción

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s