Entrevista.Conversa con David Álvarez, párroco da Unidade Pastoral de Sobrado dos Monxes.


Como xa levamos anunciando dende hai tempo, celebraremos a XLI Romaxe de crentes galegos ao pé do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Unha Romaxe implica a moita xente da zona. Neste caso contamos entre outras persoas co apoio de David Álvarez, sacerdote no medio do pobo, párroco do lugar, que anima esta zona do interior galego.  

Cóntanos logo, David, en primeiro lugar, algúns trazos da túa biografía, que camiños andaches antes de chegar a Sobrado.

Dende neno quixen seguir o camiño do sacerdocio, vin sempre nel o xeito de atopar o meu lugar no mundo e de ser feliz nesta vida. Fixen os meus estudios teolóxicos na universidade de Comillas, en Madrid, onde tamén traballaba de camareiro e un tempo despois como profesor. Daquela laboralmente íame cada paso mellor e cada ano vía que me vencellaba máis ao instituto. Estaba asentado, tiña demasiados cartos para a miña idade, un futuro prometedor… pero non estaba en paz comigo mesmo; cada día tiña máis claro que eu nacera para outra cousa. Entrei no seminario co desexo manifesto de que a Igrexa discernira se eu era chamado ao sacerdocio ou non;  respondera o que respondera sabía que eu quedaría en paz. Fun ordenado hai agora catro anos tras exercer o diaconado nas aforas de Lima (Perú), onde a pobreza económica e a riqueza humana me marcaron profundisimamente.Foto 1

Agora estás aquí, como responsable da Unidade Pastoral de Sobrado dos Monxes. Cóntanos un pouco as características destes lugares e tamén como é a súa xente, os gozos e as angueiras que a caracterizan.

Agora estou nunha terra na que a pesar das moitas dificultades penso que se pode ser feliz ao estilo de Xesús. Hai un par de anos pedíronme que fora pregoeiro dunha das festas máis sonadas desta zona, a feira da troita, e alí dixen que estabamos nunha terra na que os porcos acababan no bandullo dunha troita (en referencia ao xeito de cociñar ás troitas). Se isto tan inversosímil é unha realidade, que non poderemos facer se nos poñemos a imaxinar? A xente ama profundamente a súa terra, ama o seu pasado, os costumes, pero non podemos estar sempre mirando o retrovisor, debemos erguer a vista e mirar cara adiante

Na realidade pastoral que estades levando adiante que aspectos destacarías como máis positivos, máis xeitosos e cales son os retos de futuro…

Penso que estamos dando pasos moi positivos que teñen como eixos principais a comuñón, a corresponsabilidade e a paciencia. Formamos unha “mancomunidade” composta por dez parroquias (no seu concepto tradicional) na que se tenta manter intacta a identidade de cada unha ao tempo que tentamos parir algo totalmente novo. Temos a gran fortuna de contar co mosteiro, non só materialmente falando senón tamén no aspecto humano e espiritual. Gústame facer a comparación cunha gran casa e unha gran familia onde as parroquias son as habitacións e o mosteiro a sala de estar onde os familiares nos atopamos, compartimos e facemos cousas xuntos.Foto 3

Ademais, de responsable desta Unidade Pastoral, sabemos que es tamén o delegado diocesano de misións. Cales son os “acentos” que estás intentando darlle a esta delegación.

Cando pensamos nas misións vén á nosa cabeza unha dobre idea, por unha parte o rostro dos misioneiros e do seu traballo ante o cal nos sacamos o sombreiro, por outra banda a colaboración económica que podemos prestar, o famoso peto de porcelana máis coñecido como “chinitos” e que moitos lembrarán. Sen obviar ningunha destas dúas realidades estamos traballando cara unha maior sensibilización coa Misión ad gentes. É moi frecuente escoitar que agora a terra de misión é esta, a nosa, e isto non é así. Aquí precisamos empaparnos do Evanxeo, coñecelo e vivilo, diso non teño ningunha dúbida pero a Misión é outra cousa ben distinta. Se chamamos misión ao labor que a Igrexa debe realizar aquí desprazamos a non se sabe onde á Misión ad gentes e iso sería o máis inxusto que podemos facer con respecto a tantos e tantas misioneiras espalladas polo mundo e que dan as súas vidas polos pobres e polo Reino.

Coido tamén que ti es impulsor dun proxecto solidario do Perú…cóntanos algo diso….

Estando no seminario comezou a funcionar nos veráns un campo de traballo en Lima e tiven o gran privilexio de ser, xunto con outro compañeiro, o primeiro en participar. Entre as moitas necesidades que alí vimos tocounos moito o corazón a situación dos nenos máis pequenos. Fillos de adolescentes sen recursos nacen nunha espiral chea de enfermidades e pobreza (con todo o que leva: violencia, drogas, analfabetismo, etc.) da que non é doado saír. Quixemos botar unha man e fomos creando unha rede de garderías nas que recibiran alimentación adecuada, revisións pediátricas e iniciación escolar. Deste xeito as nais quedan liberadas unhas horas e deben atopar un traballo. Pídeselles soamente dúas cousas: un contrato laboral do tipo que sexa e o compromiso de escolarizar os nenos unha vez teñan que comezar a escola. O proxecto hoxe en día é responsabilidade do seminario maior de Santiago e colabora con el Cáritas diocesana.   

Houbo un tempo que o párroco era unha figura imprescindible e fundamental, para ben ou para mal, nas parroquias rurais de Galicia. Cun rural medio esfarelado, tan envellecido, no que pode haber novos poboadores e novas iniciativas, e mirando cara ao futuro, cal debe ser a actitude e a achega do párroco? 

Creo que estamos nun tempo no que no rural convive unha dobre mentalidade na visión do cura. Están as persoas maiores, que ven no párroco unha figura con poder; e están os non tan maiores que ven nel un misador. Ambas son falsas hoxe en día. Nun contexto como o da nosa Galicia penso que o cura debe ser ante todo unha persoa próxima, sinxela e que actúe como mediador entre uns e outros. Son moitos os pequenos rancores herdados polos nosos veciños e que en moitos casos rompen as relación de por vida, debemos ser sandadores nese senso; teriamos que falar menos de plans pastorais e máis dunha pastoral do cariño. 

Como organizar o futuro pastoral nas aldeas galegas?

Coido que a pregunta me vai moi grande e non sabería responder con rigor a ela pero hai anos o amigo Chao deu certas claves neste sentido e soubo ver unha realidade que hoxe estamos a vivir no rural. Persoalmente e para os meus adentros penso que as parroquias no rural, como tal, xa non existen. Temos igrexas, demarcacións territoriais, algunhas persoas e pouco máis pero parroquia no senso etimolóxico como peri–oikía, como persoas arredor da casa… diso pouco queda. Se nos deixamos levar pola mentalidade da maioría dos veciños acabaremos por converternos en furanchos de atención pseudorrelixiosa por iso creo que debemos apostar polos pequenos grupos; sempre hai dúas ou tres persoas en cada parroquia que teñen unha fe verdadeira, non os deixemos que se perdan. Se hoxe temos que atender varias parroquias xuntemos a esa xente, esforcémonos en alimentar as súas vidas e en que compartan tempo e ilusións, esa é a verdadeira parroquia da que hoxe podemos falar.Foto 2

Por último, dende a túa rica experiencia vital e pastoral, que mensaxe lle queres deixar ás persoas que van atopar esta entrevista na revista Irimia

Eu non diría que é tan rica pero si me gustaría lembrar a quen lea isto que se un pai ou unha nai quere o mellor para os seus fillos, que non quererá Deus para nós? Non fagamos tanto caso aos xornais e ao que vemos en internet. Ser feliz non é tan complicado se deixamos tanto papel a un lado e temos presente que somos terra alentada polo Creador.

Xabi Blanco

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: