Que prefires que veña ao teu país: un turista ou un refuxiado? A pregunta ten substancia e a resposta é clara. Eu prefiro os turistas. A razón non é a que moitos dirían: que traen cartos, que non quedan… A razón é ben diferente. Os turistas veñen libremente e móvense porque lles peta, mentres que os refuxiados foxen.
Achégase o verán e chegan as noticias de persoas que cruzan o Mediterráneo fuxindo da súa terra e da súa realidade para atoparen algo mellor. Países do noso contorno renegan deles coma se a historia non estivese chea de exemplos de fuxidas por mor da fame ou das guerras. Ningún país está exento deles. A todos nos gustan os turistas, pero a nosa obriga moral é acoller tamén os que peor o pasan. Parabéns aos estados e aos gobernos que fan das súas terras lugares de acollida.
Rematou a restauración do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo. Con esta restauración achegámonos máis ao que foi a idea inicial do seu autor. Poderemos vela coa súa policromía orixinal e ter unha idea do impresionante que debería ser esta catequese de pedra. É algo que debemos facer este verán, achegarnos ao Pórtico e gozar coa súa visión unha vez máis e decatarnos que este monumento buscaba ser acollida de peregrinos. Rumores de acollida.