O goberno de Sánchez aséntase nun moi escaso apoio parlamentario propio. O máis escaso de todos os gobernos en minoría que houbo. Ademais, gobernará un período de tempo moi curto. Por riba, neste exercicio só se poderá xestionar a cousa pública cos presupostos que fixo o PP, e no próximo, de conseguir armar un orzamento, vai estar moi condicionado. De feito, o programa real da moción de censura foi simplemente a chamada “normalización da vida pública” e a convocatoria de eleccións xerais, adornando isto con algunha medida de carácter simbólico, aínda que importante, a derogación de leis odiosas do PP ou a implementación de acordos logrados no Congreso e bloqueados sistematicamente polo Goberno Rajoy. É un goberno débil, pero nesa debilidade pode estar precisamente a súa mellor capacidade operativa. Porque o feito é que o Goberno Sánchez inicia a súa tarefa con moi escasa esixencia e presión, porque todo o mundo é moi consciente do pouco que pode facer. Goza de comprensión, incluso cando reduce a anunciada derogación da reforma laboral a unhas discretas melloras de carácter paliativo, que o propio Sánchez disculpa coa carencia de apoios necesarios e suficientes no Congreso. Se neste ano e medio é capaz de limpar a maior parte da podremia que infecta as institucións, aínda que non sexa toda, e logra establecer filtros e controis que dificulten algo a corrupción, o despilfarro e a apropiación indebida do público, para moitos pagaría apena a viaxe. Se este goberno lle retira as medallas a Billy el Niño, aínda que de momento nono xulguen por torturas, e se sacan os restos de Franco do Valle de los Caídos, supoño que xunto cos de José Antonio Primo de Ribera, a progresía deste país sentirase mellor, pero na realidade estas políticas non son especificamente de esquerdas,nin sequera socialdemócratas.
O PSOE só, aínda co goberno, non pode desenvolver políticas realmente de esquerdas. Non pode hoxe, nin poderá no futuro. Pero tamén é verdade que nas actuais circunstancias tampouco ninguén pode facer política de esquerdas sen os socialistas. Isto implica que o PSOE, o Goberno Sánchez e todas as formacións de esquerda, asumindo que por si soas nada ou moi pouco poden conseguir, deberán aproveitar a situación favorable actual para consolidar unha maioría suficiente tralas próximas eleccións xerais, ganando conxuntamente poder nas municipais e autonómicas.
Nisto ten razón ÍñigoErrejón: a única saída para as esquerdas é a “competencia virtuosa”.
Carlos Vázquez G.