O trasno. Militantes? Afiliados?…Vaites!


Velaí van as primarias das primarias do PP para escoller quen sucede a M.Rajoy. E a gran sorpresa non é o resultado, senón ese dato impresionante que un xornal como o ABC – de esquerdas de toda a vida, xaora- titulaba días antes: “só o 7,6% dos afiliados poderán votar nas primarias”. Ou, doutra maneira, menos do 8% cumprían os dous requisitos esixidos: estar ao día no pago das cotas e querer votar, é dicir, molestarse en ir apuntarse para poder votar ao candidato/a.

Galicia estaba á cabeza nese concurso de desleixo extremo: só se molestaran en inscribirse 4.222  “afiliados” dun total – disque, que esa é outra  de 101.100, isto é, un 4,17%.  E no xornal de marras botábanlle a culpa a que non se presentaba Feijoo e cousas parecidas.

Non nos entenden, non. Porque a cuestión, cando menos por aquí, é que o concepto “militante” ou “afiliado” non é un concepto acaído á nosa substancia política ancestral, nin, menos aínda, ao Partido dos Partidos de Galicia (PPG), “o partido por defecto”, o que se dá por suposto cando alguén di: “decidín meterme en política”. E, non o esquezamos, o concepto é o concepto.

No que percibimos aquí, desde o fondo dos tempos, desde o límite do espazo, é outra cousa: nada de militantes, nin de afiliados; aquí o que temos a esgalla son afillados, ou mesmo, porfillados, que é ben “indiferente”.

Un militante, digamos, é un ser rebuldeiro, unha mosca sapeira nos aqueles do rival, un hiperactivo con ideais. Un afiliado é un cidadán respectable, unha tía legal, normativa e organizada, unha persoa que ademais de traballar e educar crianzas paga a cota da asociación contra a leucemia e a do seu partido político. Militantes e afiliados dan e reciben, teñen dereitos e obrigas, choian, pagan e esixen. Son outra cousa.

O afillado éche un sobrevivente nun mar de fraqueza e dependencia, a memoria da escola de ferrado e do arrimar-arrimeime, do todos-rouban-que-máis-che-nos-ten, e do haberá-logo-que-lle-votar-a-estes. Normalmente a cambio dun que-a-filla-se-presente-que xa-che-irei-dicindo, ou por un simple, ti-vai-obrando-que-malo-será.2014090317170229263

Onde se viu que un afillado pague cartos ao padriño? Será ao revés, pois vaia chiste. O afillado paga doutra maneira, pero non con cartos, cotas nin trapalladas. Un afillado paga con lealdade, con votiños, e co silencio. Con veneración, respecto e consideración. Trato feito.

Se en Galicia fixesen un censo de afillados, no canto de afiliados, cantarían outros galos. Habería que irlles buscar o voto a casa, que as cousas teñen o seu ritual. Pero habería votos a montes e moreas.

Daniel López Muñoz

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s