Editorial. O 25 de xullo e a “señardade esperanzada”


 

Falaban os pensadores da teoloxía política centroeuropea de mediados do século pasado da “memoria subversiva” que exercían as comunidades cristiás nas súas celebracións arredor da Palabra e a mesa compartida. Memorial e promesa e, como resumía magnificamente aquel título de Ernesto Cardenal, “Nostalxia do Futuro”.

Achegámonos ao 25 de xullo cunha inevitable sensación de señardade. O pasamento nos últimos anos de persoas tan achegadas a Irimia e ás súas causas como Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e, xa non digamos, Xosé Chao Rego produce unha sensación de orfandade.  Esa nostalxia deixa paso ao agradecemento por unhas vidas tan cheas de sentido, comprometidas nesa angueira -aparentemente innecesaria para quen nega a evidencia- de reconciliar Galicia consigo mesma. E despois todo se converte en desafío.

Esa xeración puxo a roupa de traballo. Recolleron do chan unha cultura labrega e unha fala abatida. Enchéronas de dignidade. Fixéronas relato, arte, literatura, pensamento.  Empregaron as ferramentas que daquela tiñan: o libro impreso, a conferencia e o relatorio, o faladoiro e a docencia. Foron persoas cunha vida plena, xenerosa, con sentido.

A angueira segue viva e chama por xornaleiros e xornaleiras. As ferramentas poden ser distintas. Pero o desafío está aí: quen vén no sitio deles? Como artellar coas novas ferramentas de comunicación un proxecto de construción de país que conecte harmonicamente o futuro co pasado.

Trasladarlle á xente nova -á que quede e á que está fóra- o que eles fixeron, contaxiar o amor pola Causa… Velaí todo un reto de primeira orde para unha política cultural e educativa desde e para Galicia. Pero non só dos que gobernan. De todos e todas. Poñendo tamén a roupa de traballo, restaurando a lingua e a cultura de noso, sen soberbia, sen descanso.

 Feliz e esperanzado día da matria.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: