Entrevista


Co-traballo  (Co-working). Compartir espazos e moito máis

Falamos ultimamente de economía colaborativa. Contra as crises e as precariedades non hai solucións milagrosas, pero si imaxinativas, para emprender e dar resposta ás necesidades da xente dunha maneira sostible, posible para quen presta o servizo e para quen o precisa. Traemos hoxe ás páxinas de Irimia una experiencia do que se deu en chamar “co-workinge que parte de algo ben elemental: compartir os espazos e medios nos que se traballa, entre autónomos que conducen diferentes pequenas empresas e que, así, vanas facendo viables. Pero é is ca iso. Falamos con Maite Doviso de Coworking-Vigo.

Hai en Galicia hai moitos espazos deste tipo?

Parece que vai habendo, pero, con todo, cando coñeces ben a filosofía do modelo coworking, caes na conta de que existen espazos que utilizan ese termo como reclamo, cando en realidade son negocios inmobiliarios: empresas que ofrecen espazo “alugable” para traballar, centros de negocios, oficinas; ou tamén empresas e entidades que como complemento á súa actividade principal ou como elemento de márketing, aproveitan as súas grandes instalacións físicas (entidades financeiras, empresas de servizos, e mesmo administracións públicas) polo mesmo negocio: aluguer de espazo a terceiros; ou, quizais peor, cesión de espazo sen maior achega ao usuario; pero entrando en competencia (desleal quizais?) cos verdadeiros espazos de co-working.

 E cales son eses verdadeiros espazos?

Pois son espazos físicos singulares, de pequena ou gran dimensión, xestionados por PEMES ou autónomos que, ademais de alugar “postos de traballo” (xa que hai que garantir a viabilidade económica do espazo), facilitan a interacción entre as persoas que se incorporan, para fomentaren unha filosofía de colaboración, creatividade, desenvolvemento do talento e comunicación. Tentan “crear comunidade”.

Cales son as súas vantaxes?

A máis obvia é que permite gozar de todas as vantaxes de ter unha “oficina” propia, con moitos menos  custos (unha tarifa plana mensual moi reducida) e inmediatez de instalación. Pero hai outras importantes, como a flexibilidade, a colaboración, unha mellor adaptación ás novas modalidades de traballo (profesionais autónomos e “nómades tecnolóxicos”), encontro  de distintas ideas, experiencias e competencias, oportunidade de ampliar a rede de contactos profesionais e unir forzas para novas ideas e proxectos.

E terá tamén inconvenientes?

Como case todo!  Os inconvenientes teñen que ver coas individualidades e coas expectativas de cada usuario, pero por mencionar quizais algunha: ao ser na súa maioría espazos de plano aberto (sen tabiques divisorios nin paredes, para favorecer o interrelación) non todo o mundo ten capacidade de concentrarse, aínda que para a maioría dos nosos coworkers iso é un “mal menor”; así como as chamadas telefónicas: téntase concienciar (e todos son moi receptivos) do volume ao que hai que falar, pero de todos os xeitos, para temas “confidenciais” tamén se adoitan usar salas de xuntas das que se dispón.

Cal é o perfil ideal para traballar nun coworking?

En xeral, profesionais autónomos, pequenas empresas (está demostrado que para equipos de ata 8-10 persoas un espazo destes sae máis económico ca unha oficina), emprendedores,  startups…. Tamén empregados por conta allea de empresas localizadas fóra do territorio galego, que atopan no noso espazo unha forma de “abrir mercado” sen incorreren ao principio en grandes  investimentos. E despois están os “nómades tecnolóxicos” profesionais que poden traballar remotamente (hoxe a tecnoloxía facilítao todo) en calquera lugar; e notámolo especialmente no verán cando pasan polo noso espazo coworkers doutras zonas de España e estranxeiros de diversas profesións que necesitan un “espazo para traballar” por uns días ou uns meses, aínda que estean de vacacións coas súas familias; e aínda que sexa temporalmente, recoñecemos que axudan a enriquecer a nosa comunidade.

Que é o que fai diferente o voso espazo doutros coworkings?

Coworking-Vigo está centrado nos “negocios”, aquí convivimos empresas e persoas de perfil profesional moi experta con xente emprendedora que comeza en diversos sectores: consultoría empresarial, turismo, tecnoloxía, comercio electrónico, redes sociais, comunicación, decoración, fotografía, oratoria, inmobiliaria, avogados, ou fabricantes do sector ferramentas… xa ves que mestura!), pero coas mesmas expectativas de desenvolvermos e facer crecer ideas en negocios rendibles que ademais creen emprego no noso territorio. E niso poñemos o foco: en saber que facemos cada un dos que aquí estamos e, no posible, crear sinerxías e axudarnos entre todos de forma natural, a saír adiante, poñendo en común capacidades e habilidades de perfís moi diferentes. Mesmo cando comemos!, de feito temos un dito: “na cociña cócense cousas”, e é totalmente certo.

Xa cumpristes os tres anos de vida. Evolucionou moito dende os seus inicios?

Si, ao principio asumimos a idea -non hai por que mentir!- cun pouco de escepticismo. Foi a evolución natural dun grupo de profesionais moi inquieto e sempre atento ás tendencias; vinculado directa e indirectamente co mundo das ideas de negocio e o emprendemento. Era como dar forma “física” (un espazo) e un “título” (coworking) a algo que xa viñamos facendo desde hai anos. Hoxe estamos encantados e orgullosos, cada día é diferente, coñecemos de preto ideas, propostas e sobre todo persoas e profesionais dunha capacidade incrible, que non paran de loitar por sacaren adiante co seu esforzo proxectos dos que Galicia debería sentirse orgullosa.

Como chegaches ti a este mundo?

Como filla de emigrantes galegos a Venezuela, sempre tiven esa “espiral” dos que somos un pouco como “de todas partes”; son inqueda por natureza; e aínda que na miña vida profesional me movo nos ámbitos financeiro e corporativo, sempre sentín curiosidade polas novidades e tendencias que vinculan procesos, tecnoloxía e persoas en beneficio da sociedade. Cando descubrín a filosofía do verdadeiro coworking e este se converteu en tendencia, lin moito sobre como estaba a avanzar (no noso país e no mundo). Asistín a moitas reunións e convencións nacionais e convertinme en firme entusiasta. Paréceme unha forma de traballo, que vincula persoas e profesións da que todos obteñen vantaxes. Así que insistín e insistín, ata que os meus compañeiros de equipo tamén o viron; e aquí estamos! Gozando a diario de excelentes co-mpañeros de espazo de traballo e transformando en apoio concreto a nosa admiración por eses profesionais e pequenos empresarios que logran facer dunha simple idea de negocio, auténticas empresas que axudan ao desenvolvemento económico de Galicia e a proxectan ao mundo.

Lucía Santiago

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s