Pingas de Orballo


ALFONSO BLANCO TORRADO

Alfonso Blanco Torrado é desas persoas atípicas e imprescindibles para que o mundo poida seguir a dar voltas moitas veces. Aínda sabendo da nosa torpe transcendencia, impedida pola torpe irreflexión dos nosos actos, que inventan barreiras que antes non existirían. Hai seres como Alfonso que facilitan o camiño e poñen luz para que se vexa. Eu coñecino cando veu para aquí, para cerca, para a miña Terra Chá e arredor dos eidos de Guitiriz. Anos setenta. Ninguén daba un peso por el, pois desde a infinita humildade era un transgresor impenitente das teorías e da moda que se levaba. Nado en Uruguai, pero urxentemente galeguizado en Tella, alá pola Ponteceso, de onde era a súa familia e a súa verdade de orixe. O que ninguén sabía, nin presentía, era que –ao mesmo tempo de non predicar co abuso do relato- era un practicante absoluto desa fe que move ceos e montañas e que é, finalmente, capaz de trocar o mundo.

Non vos contarei das trapeliñas dalgún bispo que quixo pararlle os pés. Pararlle os pés a quen non anda sobre deles, a quen navega todos os días por riba das ridículas canles humanas baseadas na aparencia. El sabe e consegue así, caer na conta de que o único mandamento que fundamenta a humanidade é o mandamento do amor, o mesmo que se enche de obras e non de palabras, e día a día, paso a paso! Quixo parar o vento coa súa forza liberadora, na súa anovada fortuna de limpar o aire, e conseguiuno. Con moitos problemas. Houbo –e nisto tivo especial confluencia Manuel María, lembro perfectamente as súas verbas: “por Alfonso hai que entrar a saco, en permanente loita”- un rexeitamento total contra aquel de Mondoñedo que non lembro (porque non quero) pero que tivo a “santa” ousadía da envexa e dunha pretendida represión con forza contra Alfonso. Conseguiu a oposición de todas e todos, mentres atendía o verdadeiramente importante. E así empezou Alfonso, poñendo feitos en vez das palabras, en vez de tantos fluídos discursos que nada din. Chegou facendo unha asociación cultural de inmersión, de inmersión no amor, na lingua, na cultura, na inclusión, nos proxectos, na música e a palabra, no afecto ao propio. Aprendendo a amar, desde nós, desde o Noso. Nada doado nunha vila como Guitiriz e arredores. El ben sabe que ese sentimento que congrega, constrúese desde dentro, desde abaixo, desde posicións tolerantes e implicadoras, desde a concentración e a complicidade. Acolleu aos non acollidos, incluíu aos excluídos, fixo comuñón cos arredados, e fíxoo desde o corazón e o entendemento. Hoxe está termando do mastro do barco, capitaneando miles de iniciativas, escribindo, coordinando, atendendo, lembrando o que ninguén acorda, achegando entusiasmos, …está xusto onde hai que estar!  O noso taboleiro

Se o vedes por aí, fixádevos ben porque non fai ruído, case non toca o chan, vai de incógnito sen ocupar espazos, case sen ser detectado polos sensores das portas que abren automáticas os grandes edificios, semella invisible, anda sen arrogancia, sen luxo, pero espléndido nese aplicado silencio da imperceptibilidade cando, maxicamente, terma e dinamiza os eidos nos que brevemente habitamos. Esa é a súa grandeza. É cura, pero perdoámosllo. Porque é un cura que cura, mirade por onde! Cúranos da nosa tentación altiva, das excentricidades, das arrogancias superfluas, das aparatosas aparencias cando, as pobres, tentan ocultar a modesta e limitada condición que é innata en todas as persoas. Inventou Xermolos, o festival de Pardiñas, a Irmandade Manuel María, …mil iniciativas que non se deteñen senón pola ruindade de moitos.

Afonso é inxenuo e inocente, feble e lixeiro. Pero tamén é invulnerable porque está no certo, nese requirimento exclusivo dos que poden baixar o ceo e facelo familiar e doméstico, dos que poden destruír as imposibilidades e facelas  circunstanciais, anécdotas dun pacto de afinidade co sentir dos que teñen corazón. Por iso sae ileso das contendas, das dificultades, mesmo dos envelenamentos egoístas e enfermizos, das inxurias, dos agravios. A penas ve polos ollos –xa cansos de ver- e por mor da diabetes, pero sabe de memoria os comedidos discursos que debe pronunciar. Anda con dificultade após de varias caídas e das dificultades da visión, pero sabe á perfección cal é o camiño. Non se coida debidamente na saúde, e aínda que sempre lle roñemos, dinos que si, pero fai o que lle dá a gana. Pasa de nós, desde esa anarquía precisa de ser protagonista das propias dores e fames. E que máis vos podo dicir de Afonso? Pois que é o meu amigo, o grande embaixador de moitos soños compartidos, o cómplice que alimenta os desexos e a loita do día a día. Case nada, compañeiros!

Baldomero Iglesias Dobarrio [Mero]

 

One comment

  1. que fermoso o escrito sobor do amigo e mestre Afonso, o espello que nos alumea e no que nos miramos os compañeiros das Asociacións. E que sorte ter compartido contigo meu querido Alfonso moitos intres e avatares na Asociación que nos une ” Abrindo Camiño” de A Mariña e da Terra Chá.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s