NUNCA MÁIS ATA QUE CHEGOU O COBRE
Arroupados por centos de entidades e colectivos, sindicatos e representantes das forzas políticas da oposición parlamentaria, as plataformas Mina de Touro-O Pino NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa saíron ás rúas de Compostela para esixiren a paralización do proxecto que pretende reactivar a antiga mina de cobre, abandonada en 1986 sen ningún tipo de restauración. Para achegármonos a esta ameaza falamos con Verónica Mato, unha das voces que defende con afouteza o dereito a non vivir nun futuro envelenado.
Agora, a empresa Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, pretende recuperar a actividade mineira na zona ante a crecente demanda de cobre en certos países emerxentes como China. O proxecto conta co apoio e aprobación dos concellos de ambas as dúas vilas, máis non así da veciñanza.
As promesas de non contaminar a contorna non logran convencer a unha poboación que aínda sente os efectos da contaminación da antiga mina. Recentemente, Augas de Galicia confirmou nos resultados das analíticas solicitadas pola entidade ecoloxista Adega, que todos os ríos e regatos que rodean a antiga mina de cobre están contaminados. Os informes da Sociedade Galega de Historia Natural tamén contradín o discurso no que empresa e concellos veñen apoiándose desde agosto do ano pasado.
Foi precisamente en agosto de 2017 cando os veciños de Touro e O Pino coñeceron, a través do DOGA, e non dos seus representantes políticos, a intención de reabrir a antiga mina. O prazo de alegacións estaba a piques de rematar, pero tras estudar o proxecto, conseguiron mobilizar á opinión pública e presentar máis de 1500 alegacións en contra. “A medida que estudabamos o proxecto, máis nos asustabamos ao darnos conta do que querían facer” afirma Verónica desde a plataforma Mina Touro-O Pino NON.
E é que arredor do proxecto hai moitas mentiras e medias verdades, pois non se trata dunha simple reactivación ou reapertura, senón que, de 197 hectáreas de mina histórica, Cobre San Rafael pretende explotar agora máis de 1000 hectáreas. Nesta e noutras moitas cuestións, mineira e veciños ofrecen versións enfrontadas.
E logo, que nos queda?
Dos 400 postos de traballo que se prometeron inicialmente, tan só restan un cento. Lonxe queda o tempo no que Alberto Lavandeira, conselleiro delegado da Atalaya, ironizaba con que non habería suficiente xente en Touro e O Pino como para cubrir todos eses postos: o novo informe, elaborado para Atalaya Mining por Alan C. Noble e que conta con 322 páxinas, tan só contempla a creación de entre 101 e 111 postos, dos que 15 corresponderían a persoal da multinacional. Ademais, estes empregos veñen con data de caducidade, pois a explotación mineira ten unha duración estimada de 15 anos.
A reactivación da mina provocaría o peche de numerosas explotacións gandeiras, a principal actividade económica da zona. Pero non só iso. O sector primario dá vida aos seguintes sectores, de maneira que moitas industrias e actividades económicas veríanse afectadas. Cobre San Rafael deféndese alegando que a actividade mineira e perfectamente compatible con outras actividades.
Porén, gandeiros e agricultores, amosan a súa preocupación e temen que, a costa de crear uns poucos postos de traballo, se destrúan outros miles. O negocio da Ría de Arousa podería verse afectado de producirse a contaminación do río Ulla. Desde a plataforma Verónica explica que “non hai cartos que puidesen compensar o que suporía destruír e contaminar a ría de Arousa, con todos os miles e miles de postos de traballo que produce, e todas as industrias vencelladas co mar”.
A todo isto hai que sumarlle o impacto que a actividade mineira ten sobre o patrimonio cultural e a paisaxe da zona, algo que cobra especialmente relevancia se temos en conta a afectación ao Camiño Francés. Desde a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS), amosan a súa preocupación: a paisaxe e o Camiño van da man, e unha explotación mineira ás portas de Compostela non é a mellor maneira de darlles a benvida aos peregrinos. A Asociación de Hostalaría tamén rexeita o proxecto mineiro posto que o turismo rural é unha das actividades económicas máis importantes da zona.
“Non existe o risco cero”
Unha das consecuencias que máis polémica suscita é a creación de dúas balsas de lodos quilométricas, a escasos 200 metros da aldea de Arinteiro, e catro vertedoiros onde quedarían almacenados os residuos tras a extracción. Os veciños alertan de que o risco de rotura dos muros – máis elevados que as torres da Catedral- provocaría un desastre ecolóxico peor ca o Prestige. “Rompen unha media de dúas balsas deste tipo ao ano no mundo, polo que tamén podería romper aquí. Se esa balsa rompe, a auga baixaría polos regatos ao Ulla, e do Ulla pasaría á Ría de Arousa. Non existe o risco cero” alerta Verónica. Precisamente, este 2018 cúmprense vinte anos do gravísimo accidente pola rotura da balsa mineira de Aznalcóllar, que afectou ao Parque Nacional de Doñana.
A estas preocupacións hai que sumarlle o uso de máis de 10000 toneladas de produtos químicos, algúns deles canceríxenos, e a presenza de pó no aire nun radio de ata 15 km., chegando a afectar a outros concellos como Santiago de Compostela ou Boqueixón, segundo advirte a SGHN. De feito, desde esta entidade sinálanse numerosas deficiencias no Estudo do Impacto Ambiental do proxecto posto que manexa informacións pouco rigorosas ou datos descontextualizados (censos gandeiros de 1999 e 2009) e non avalía axeitadamente o impacto sobre a fauna, a flora, a saúde e a economía.
Mentres que veciños, asociacións e outros colectivos ateigan as rúas de Compostela, a empresa segue a apoiarse nos poderes políticos e nos medios de comunicación hexemónicos para difundir o seu relato e convencer á opinión pública da inocuidade da actividade mineira. Tanto é así que a concentración, con máis de 80 000 asistentes segundo cifran os organizadores, non formou parte da axenda dos principais medios, onde houbo silencio parcial (cunhas escasas liñas) ou total.
Irea López Rodríguez