O peto


A TETA DO MANUELITO

             Os días 8-10 de xuño cerramos o curso da Escola de Espiritualidade no mosteiro de Sobrado dos Monxes. A maiores de vernos e recrearnos na convivencia entre nós, na compaña dos monxes, na súa pregaria, na súa busca, no seu moderado vivir, tivemos a sorte de contar coa presenza de Rosana Hernández e de Luís Araguren de Madrid. Rosana, unha muller fráxil, excepcional, implicada en procesos de apoio a grupos de persoas con carencias psíquicas, é unha gran coñecedora e practicante do método U, que é unha metodoloxía para sacarlle partido creativo a situacións de destrución, de cascallos, de incerteza, tanto a nivel persoal como colectivo, tanto a nivel relixioso, eclesial, como a calquera outro nivel da vida e da realidade na que esteamos metidos. Quenqueira ver ben de que vai esta interesante historia, se non ten a sorte de poder escoitar a Rosana, pode achegarse ao libro de Otto Scharmer titulado Teoría U.

            O método, polo menos tal e como o empregaba Rosana, ofrece como un dos elementos imprescindibles dese percorrido o pasar do “egosistema” ao “ecosistema”. E para explicar este transcendental cambio de modelo, púxonos un exemplo que quero compartir, un exemplo histórico impresionante pola súa simplicidade e fondura.

            O peto comúnCando Rosana traballaba no Perú, onde pasou moitos anos, coñeceu unha muller nova que tiña a súa nai con tuberculose a 24 horas de autobús normal. A súa nai tiña un neniño de meses, o Manuelito. E a súa irmá decidiu ilo buscar para responsabilizarse da súa crianza. Chegou, falaron e ao día seguinte retorna á súa casa acompañada do Manuelito. Este ao pouco empeza a chorar desconsolado. Era de fame. A irmá non tiña con que mercar leite para el. No coche ían máis nais, cousa normal nunha poboación nova e fértil. Deseguida, sen negociación ningunha, o Manuelito foi pasando de teta en teta para as sucesivas tomas que necesitaba. A teta da nai, un dos maiores símbolos do “egosistema”, convertido pola forza da solidariedade popular en símbolo do “ecosistema”. Alí como algo elemental. Aquí algo que, en cousas máis ou menos semellantes, soamente a xente máis empobrecida é capaz de facer.

            Quedámonos, logo, co Manuelito, aprendendo –homes e mulleres— a abrir a cabeza, o corazón, o peito, para dar a teta a quen o precise, sabendo que estamos a facer algo máis ca simple caridade. Quedámonos agradecendo que haxa xente que matina e matina para facilitar camiños humanizadores.

Manuel Regal Ledo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s