Domingo 17 de xuño. XI do Tempo Ordinario


A PALABRA Mc 4, 26-34

Naquel tempo, dixo Xesús á xente: «Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, de seguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.» E tamén dicía: «Con que compararemos o Reino de Deus?  É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Mais despois de sementala, medra até ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.» E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, mais logo explicáballelas aos seus discípulos.

Boanova_XI tempo ordinario.jpeg

A CLAVE: Experiencias e conceptos

J.A. Martínez

 Falar en parábolas era característico de Xesús. Quen non sabería citar agora tres ou catro? Mais non foron un invento del, nin algo único: xa aparecen no Antigo Testamento e no seu tempo eran moi utilizadas entre os xudeus como método de ensino (mashal). O autor do evanxeo agrupa un conxunto delas, en concreto as que tratan sobre o Reino de Deus, na primeira parte da súa obra.

 O Reino é central na mensaxe de Xesús. Até pode dicirse que o Reino é a mensaxe de Xesús (Mc 1, 14-15). Non é de estrañar que tivese que explicalo en reiteradas ocasións, xa motu propio, xa por demanda de quen o seguían, incluídas as e os discípulas máis próximas. E que é o Reino? O Reino son eu. O Reino xa está aquí. E se con isto non abondase, as parábolas dábanlle a oportunidade de expresalo cunha maior profundidade e simbolismo.

Preguntábase alguén nun blog de internet, ao se referir ás parábolas, por que Xesús non falaba máis claro. Como non se sentir identificado. Mais intuímos que o Reino de Deus non se resolve cunha simple definición de dicionario, cun concepto claro e racional. O Reino é unha experiencia. E non o queremos ver, ou dicimos que non o entendemos, porque posiblemente non esteamos dispostos a vivilo. Aínda. Hai uns días escoitabamos nunha das lecturas deste Tempo Ordinario a historia do rapaz que se lle achegaba a Xesús chamándoo de Bo e buscando respostas claras ás súas dúbidas existenciais. E marchou triste, porque todo era ben simple e non precisaba un resumo de catecismo: era un déixao todo e sígueme: atrévete a vivir a experiencia.

O ECO

Christina

O Reino dos Ceos é coma unha persoa que sementa, coma unha herba que medra. O Reino, o Ceo á nosa semellanza, a nosa vida toda ela de Deus. Toda. Cando sabes que respiras Reino, que comes Reino, que dormes e amas no Reino, que o teu cuarto de hospital é o Reino, que a túa fábrica e a túa residencia de anciáns son Reino e que aquí as cousas en realidade funcionan ao xeito do Reino.

E se me deixaras, só por este intre, darlle a volta ao espello, ver que o teu Mundo, todo o teu universo, iso que chamabas Reino, en realidade é este, preñado a rebentar de ben, saúde, amor e inmensamente capaz de medrar, de rexenerarse, de avanzar e arrepoñerse a todo. Esperar nao é saber, di a cantiga brasileira que resoa en min desde aquel estraño e bendito día en que, en clase de portugués na universidade de París descubrín que, por etiquetaxe da miña brasileira profesora eu era “galega”, e que iso non era nada boa cousa na súa terra. Hai xa anos que me bautizou e hoxe sei que ser, son do Malkuta (Reino en hebreo e arameo), casa materna-paterna onde non existen as fronteiras nin as exclusións, nin existen os sexos e as etiquetas… grazas por crer nese anthropos que saíu a sementar e pode ser, no texto grego do evanxeo, tanto home como muller ou calquera cousa que sexa ou decida ser. Grazas polas linguas, polas miñas e por todas elas, todas linguas da infinitamente vasta Humana Finca onde a Nai Creadora baixa a conversar e namórase e pensa que lle cómpre vivir entre nós, en nós, e fica a vivir nos nosos braços, dados ou non. Prometo, tamén hoxe, non esperar máis para sementar, nesta leira onde faltan mans e sobra semente. Só pola coquetería de me parecer ao Reino que amas, por se me toca algo, por fame de xustiza e ledicia, sede de tenrura e paz. Pola fachenda de crerme que vivo no Reino… xa… agora e que ninguén está fora.

Cantiga aludida que acompañou a oración que deu este eco, Pra não dizer que não falei das flores – Geraldo Vandré (1968)

 https://www.youtube.com/watch?v=A_2Gtz-zAzM

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s