Agora que fixeron esa moción hixiénica, de censura contra a corrupción organizada e ben montada, aos galegos e galegas quédanos pendente outra moción histórica: unha moción de censura contra a trapallada.
Pero a trapallada semella, por veces, máis difícil de combater que a corrupción organizada e obscenamente lucrativa, que o narcotráfico ou a camorra napolitana, que xa é dicir. Debe ser pola raíz popular. Porque inzou entre nós como o contrapunto dun caciquismo que se foi adaptando aos tempos e que sabe xestionar tan ben o “ti vai facendo” como o “se non fas ruído, miramos para outro lado”.
Trapallada é que teña que pasar o que pasou en Paramos, Tui, para que agora se mire onde e como se almacenan explosivos ilegalmante. E trapallada é que se sospeitase que tamaña irresponsabilidade se estaba cometendo e que a xente mirase resignadamente os ires e vires das camionetas, e que o perpetrador lle seguise vendendo foguetes ao sector público ou privado. Trapallada é que teñan que ser os veciños os que denuncien cando algo tan serio está en xogo.
Como trapallada é que se dea por descontado que tal verquido de xurros é ilegal, pero tes que apandar con el porque tes que denunciar ti o causante, e nin por esas.
Por non falar desa tira de ecucaliptos na linde, manifestamente ilegais, e que tivese que ser o veciño sufrinte o que denunciase o veciño causante. Será para que todo siga e para que a trapallada se perpetúe e que nos manche a todos, e todos e todas esteamos en débeda co que manda porque perdoa as nosas trapalladas. Iso si, cando Galicia arde polos catro cantos, daquela si, por decreto, diante da prensa, en seis meses o que non se fixo en trinta anos…
Como trapallada é que alguén queira poñerse en liña coa norma reguladora para facer queixo, ou licor, ou conserva vexetal, ou mil posibilidades que ofrece esta nosa terra e que pase o vía crucis de rexistros, informes, inspeccións e normas de calidade, algo torturante para un pequeno produtor, e comprobe, despois, que ten como competencia desleal -sei dun caso-, a mesmísima muller do alcalde, que o fai en negro. Ou, igualmente, que aos pequenos produtores de alimentos se lles poña todo tipo de dificultades para subministrar os comedores escolares e que despois sexa un cátering dunha macroempresa con sede en Andalucía a que dese problemas de salubridade.
Daniel López Muñoz