XLI Romaxe. Camiñando cara a 41 romaxe nas Terras de Sobrado


Foi o 9 de setembro do pasado ano. Alí, en Beade, na parte final da celebración da XL Romaxe,  anunciabamos que a vindeira sería en Sobrado dos Monxes, onda o mosteiro.

Lembremos primeiro a historia deste mosteiro e logo falemos un pouco da relación deste mosteiro con Irimia e as romaxes.

Posiblemente fundado no ano 952, nun primeiro momento pouco se sabe sobre os primeiros cento cincuenta anos da súa historia. A principios do século XII o mosteiro está abandonado.XLI Romaxe

Foi fundado de novo no ano 1142, cando san Bernardo envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes. O 14 de febreiro de 1142 comeza en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense. Durante o resto do século XII e todo o século XIII, o mosteiro desenvolve unha grande actividade espiritual e económica. Desta fábrica consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas.

Coñece despois unha etapa de decadencia que se detén no ano 1498, ao incorporarse a Congregación de Castela. O mosteiro recupera parte da súa grandeza; a maioría dos edificios que actualmente se conservan comezan a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa remátase a finais do século XVII e conságrase en 1708.

Santa María de Sobrado sofre unha nova etapa de decadencia, que culmina o 21 de setembro de 1834, cando, coa desamortización, o Mosteiro queda suprimido por real orde. O Mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iníciase un deterioro progresivo dos edificios, que acaban converténdose en ruínas.

No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga Palacios, arcebispo de Santiago, o Mosteiro Cisterciense de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria) comeza a tarefa de reconstrución de Sobrado; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. O 25 de xullo de 1966 comeza de novo a vida monástica cisterciense no mosteiro.

No ano 2003 a xente de Irimia xuntámonos en San Domingos de Bonaval e fixemos unha “vía lucis” de gratitude polos 25 anos de Irimia. Na “quinta luciña de gratitude” dicíase o seguinte: “Irimia, revista, entre outras moitas cousas, é un froito da gratuidade, do traballo xeneroso de moita xente que pegou selos, enfaixou exemplares, preparou materiais… A luz xenerosa que prendeu esa xente é recollida aquí pola comunidade de Sobrado que, durante anos, se encargaron da distribución da revista”.

Victorino Pérez Prieto, tantos anos director e grande impulsor de Irimia, lembrando aqueles tempos, comenta: “Aparte de algún encontro que se ten feito alí de Encrucillada e de xente da “galaxia Irimia”, a relación foi pola revista, que se imprimiu alí durante uns anos, nos tempos nos que eu era director. Entre novembro de 1981 (nº 1) e agosto de 1985. Ese ano empezou a compoñerse e a imprimirse en Graficas Bao de Lugo. Neses catro anos, os monxes Pablo e Juan foron os que se ocuparon dela: composición, impresión e distribución, con axuda de fóra…

Foi o momento máis bonito da nosa relación, pois daquela a xerarquía galega, sobre todo o arcebispo Suquía era moi crítico con nós. O prior, Salvador tivo que plantarse ante el, cando quixo prohibirlles que seguisen imprimindo a revista no mosteiro, dicíndolle –segundo me contou en privado- que a revista se seguiría facendo alí até que non decidísemos o contrario. E así foi, continuamos, até que eles non puideron seguir mantendo a imprenta que tiñan por ausencia da persoa que o facía (Juan), ao ser trasladado a outro mosteiro”.

Polo tanto, este ano regresamos a Sobrado para a celebración da 41 Romaxe de Crentes galegos, e facémolo cheos de gratitude porque Sobrado colaborou, en tempos non doados, a que a “criatura Irimia” puidese saír adiante superando atrancos e adversidades.

Non esquezades, pois: o sábado 8 de setembro vémonos onda o mosteiro de Sobrado para celebrar a nosa XLI Romaxe. Contamos con todas e todos vós.

Xabi Blanco

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: