Quedamos o outro día dicindo que a xente falante tradicional do ámbito rural e xa de certa idade, que é onde maiormente se conserva un galego sen interferencias sintácticas, non *se pensa as cousas, que non *se lava as mans nunca, nin *se compra roupa. Mais a cuestión non era literal, estabámonos a referir a que non empregan nunca o reflexivo como complemento indirecto. Isto é, en galego o pronome reflexivo (cando indica “a si mesmo”) emprégase cando non hai outro complemento. Isto é: dicimos: eu lávome, el lávase (a si mesmo) pero se temos outro complemento (por exemplo, as mans) debemos dicir: “eu lavo as mans” e non “*el lávase as mans” ou “*eu lávome as mans”. Desta maneira, “pensamos as cousas”, pero non podemos dicir “*pensámonos as cousas”, e moito menos esa frase que cada vez se escoita máis: “*Pensouso dúas veces” coa versión en negativo “*Non so pensou”…. E xa no ámbito escolar, tamén no galegofalante, é habitual escoitar “Non mo sei” ou “Non mo estudei” e non é correcto! Non, non…, non o é. E para quen estea pensando que lle soa ben, que reflexione en se o que quere dicir é que non o sabe “a si mesmo” ou se se estuda “a si mesmo”. Porque non é a mesma estrutura ca “Non mo contou” ou “Non mo preguntou”, que aí quen conta ou pregunta é outra persoa a min. Cousa distinta!
Daquela, e para que quede ben fixado:
-“Eu cálzome despois de vestirme”, pero non “*Eu cálzome os tenis”.
– “Ese tema, eu non o estudei e, polo tanto, non o sei”, pero non “*Eu non mo estudei e non mo sei”.
– “Eu comprei un pantalón e a miña filla comprou unha saia”, pero nunca “*Eu compreime un pantalón e ela comprouse unha saia”.
Estes reflexivos que sobran son tradución literal do castelán e atacan o esqueleto da nosa lingua. Pedímosvos que teñades conta de non incluílos ou de eliminalos, aínda que como son máis perniciosos, son tamén peores de arrincar, moito peores ca a mudanza que supoñen os castelanismos léxicos.
Se fixese falta, a outra hora dámoslle outra volta…
Lidia e Valentina