Entrevista.


Novos poboadores, novas realidades.  Conversa con José Cofreces

No encontro de “Vivimos no rural”, celebrado en Castro Caldelas os días 26 e 27 de maio, comprobamos como “outras realidades” -xente que vén de lonxe para vivir aquí e vivir doutra maneira- se abren paso no campo galego. É unha lei da física social: os espazos baleiros acábanse ocupando porque, en definitiva, globalmente considerado, o espazo é un ben escaso, e o territorio rural galego é un espazo de calidade, de inmensas posibilidades. De como os que veñen de fóra teñen unha mirada limpa, distinta e alternativa sobre o que os galegos e galegas non acabamos de valorar e potenciar, falamos aquí con José Cofreces, un vallisoletano que leva vinte anos impulsando, desde a parroquia antes abandonada de Tronceda, a revitalización daquela zona.foto 1

Que trouxo a Tronceda, unha aldea abandonada no canón do Sil, a un home como ti? Como foi evolucionando a cousa desde aqueles comezos?

Tres factores determinan a miña opción polo rural. Un é a miña participación na rede de economía alternativa e solidaria (REAS). Outra é a miña participación na Plataforma Rural, a Universidade Rural Pablo Freire e o concepto de soberanía alimentaria. E tamén a vontade do meu socio Isaac Cortijo, e a miña propia, de apostar desde Valladolid por un mundo rural vivo. Estes tres factores lévannos a entender que no rural é onde se xera e rexenera a vida, que non se pode entender unha cidade sen territorio. Por iso chegamos á conclusión de que tiñamos que investir tempo e recursos na revitalización de Tronceda, aportando, así, o noso grao de area.

Falamos no encontro desas “outras realidades”, coñecemos xente de Toledo, de Lleida, de Eslovaquia, de Francia, da Selva Negra alemá, de Madrid. Que teñen en común e que teñen de diverso todas esas persoas, todos eses novos poboadores da Galicia rural? De que fenómeno estamos a falar?

As novas realidades que vistes no noso encontro teñen en común varios aspectos.
Por unha parte, está a necesidade humana de estar en contacto coa natureza, coidala e protexela, así como a necesidade animal de dispoñer dun territorio que entendemos que nos alimenta e protexe.
Tamén se comparte, dalgunha maneira, un concepto das relacións humanas menos economicista, baseado máis na cooperación e menos na competitividade, traballando tamén a intelixencia emocional e a economía dos coidados.
Estes factores anteriores non tapan a diversidade de pensamento, de crenzas e prácticas, a diversidade de competencias e coñecementos que sempre están ao servizo das persoas, nun contraste de ideas e actividades ás veces comúns, outras veces vencelladas aos proxectos persoais.
Todo isto dános a perspectiva de que a nosa vida e a nosa actividade é un experimento que pretende mellorar, a base de ensaio e erro, vivindo os fracasos como unha oportunidade e non como unha derrota.foto 2

Polo que vimos en moitos dos participantes, hai un comezo de fuxida rebelde, indignada, dunha realidade que os afoga, dunha vida mercantilizada, sen valores, que se identifica coa “cidade” co “capitalismo”, co “industrialismo”… E despois de chegar, á volta duns meses de “desintoxicación”, de pisar terra, comezan unha etapa de construír economía, pequenos proxectos produtivos….. Isto vai en serio? Son proxectos innovadores, sólidos, con futuro?

Son pequenos proxectos, moitos deles en experimento, outros callaron e son motores na zona. Hai proxectos de marmeladas vexetais, de artesanía, de cervexa artesanal, de queixo de cabra, de licor, de arte, de ioga e danza,… Desde o meu punto de vista, aínda que fallen os proxectos, o tecido social arroupa a xente e dificilmente deixarán  o territorio, aínda que sempre hai quen non se adapta.
A rebeldía ante a masificación, a desnaturalización e deshumanización da cidade, obríganos á xente consciente a poñer o mundo rural como o lugar de resiliencia, de recuperación non só humana, senón do conxunto de factores que sosteñen o conxunto de vida no planeta.

Ti estás na rede de economía alternativa e solidaria. Explícanos algo diso e como o relacionas con estas novas realidades que vemos na Terra de Caldelas.

Somos economía desde o momento no que nacemos, pero a economía de mercado, o capitalismo, non é un estado natural, é unha creación humana.
As nosas realidades na Terra de Caldelas teñen que ver con poñer en acción unha conciencia de que a nosa actividade humana non é neutra, que os impactos sobre a natureza son impresionantes e que cando gañamos a guerra contra a natureza, perdémola.
Por iso temos que empezar a identificar as necesidades dos satisfactores, as necesidades non castigan a natureza, pero os satisfactores, na economía de mercado, son moi perigosos.
Ultrapasamos todos os límites en devastación, xa non podemos facer economía sen principios, xogamos a vida e non só a humana, estámos comendo un futuro que non nos pertence.

Falas moitas veces, nas nosas reflexións en Vivimos no rural, da cooperación entre a cidade e a aldea, entre o territorios urbano e o rural. En que consiste esa nova relación?

Nese novo esquema de cooperación, a cidade,  representada polo municipalismo, achega novas ideas, novas propostas que son difíciles de encaixar en estruturas vellas, tanto físicas como mentais. Cómpre traballar nos movementos sociais a idea de que a cidade baleirou as aldeas e a cidade ten que revitalizalos. Creando programas de intercooperación entre os distintos concellos e administracións, tendo en conta os territorios e as súas necesidades e contando con eles, creando ofertas da volta ao campo, sempre como un experimento sen límite. E se non é como volta ao campo, terá que ser como revolta.

Á luz da vosa experiencia, pódese levar unha vida plena, feliz, pode a xente nova de hoxe en día vivir dignamente nas aldeas de Galicia?

A felicidade, desde o meu punto de vista, non é un ben individual, a felicidade é un ben colectivo e constrúese de xeito colectivo, ser dignos, vivir con dignidade, é ser lúcidos e ser conscientes dos nosos impactos.
Trátase de ben vivir, saíndo dos estados de confort, moita veces imaxinarios, que nos ofrece a cidade, coas súas falsas seguridades cada vez máis falsas.  Si, sen dúbida, pódese vivir con dignidade no mundo rural.foto 3

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: