Pingas de Orballo


MATO, DON XESÚS MATO E MATO                               

Nós, que cremos ser e nada somos,

que sequera somos instrumentos canalizados das nosas vontades

que nos sobrepasan, ou doutras que nos coutan; 

existimos desde aquel acontecer que nos move polos camiños do ar  

e sorprendidos polo vento.

Debo escribir de alguén a quen quero ben e polo tanto vou ser conscientemente parcial e subxectivo, non me importa que se note. A miña vida sería distinta sen el, sen a súa compaña. Xuntos chegamos a moitas realidades tentando razoar as contradicións da cautela. Mato, Don Xesús Mato évos como é, e a min gústame que Mato sexa así. Por ese mesmo motivo moitos non o comprenden. Hai que arriscar para chegar lonxe. Agora é tarde para pretender cambialo, e eu sei que non cambiaría. Gusto do seu ánimo conciliador, o seu desmedido entusiasmo que acende mil proxectos, anque despois vaian amodo ou nin sequera vaian, escandalizados na espera, na latencia sosegada que agarda o seu preciso momento.

Mato é un home comprometido e polémico. Aprecio aos polémicos, son eles os que fan funcionar o mundo, os que espertan a mansedume e a deixadez e non deixan quedar a un quedo, fascínannos a cada intre. Tamén é poliédrico e as súas múltiples facetas fano ser multifuncional  persoa, crego, amigo. Critícano por exercer en galego, sobre todo aqueles máis refinados. Fai ben estar cos seus, outros esqueceron ou deixaron de lado a súa orixe. Din que ten moito entusiasmo nun primeiro momento e que despois se vai quedando. Que empeza sendo moi crítico e que, despois, atende razóns e tamén escusas. Todos sabemos de tantos que nin sequera se ilusionan, nin teñen proxecto, nin saben que dicir e nunca ponderan os datos. Din que tarda, que é moi neutro. Pero eu sei que é quen, de descifrar os verdadeiros desexos e cumprilos. Ás veces é quen de amosar mesmo os misterios que os demais non soubemos ver. E por iso é feliz e desprende felicidade. Nada ten, mais ten de abondo para estar tan satisfeito. Está conforme, nin máis nin menos. Mentres outros morren para acumular, el non, porque ten valor e forza para encarar os problemas e esculcar silencios.Pingas de orballo

A pouco que vos acheguedes a el saberedes que non ten maldade, non ten sitio para ela pero, a cambio, habita a verdade e arrima unha certa picardía rebelde. Por iso algúns lle fixeron tanto dano e causaron tanto sufrimento, traidores de tantas pequenas cousas e causas maiores, posuidores do desagradecemento. Sen un reproche pola súa parte. Descubriredes que é sinxelo e cheo de soños, que fará realidade as súas fantasías vencendo as dificultades e compromisos. Nunca estará do lado dos vencedores nin dos verdugos e por iso, e é unha virtude que o honra, é así de singular e único. Gústalle escribir dando razóns, enfrontarse a elas, ás veces imprevistas ou ousadas. Claro que é crítico!. Porque non se dorme en vaguidades. Consólase postulándose contra a maquinaria do politicamente correcto, do sentenciado eclesiasticamente, dese modernismo destrutor que é tan vello e chamamos caciquismo, ese que tanto pesa globalizando as perdas e sen repartir beneficios, ese que aniquila  os signos identificadores. Mato é modesto en modos e maneiras, venlle de familia e dígoo porque coñezo e coñecín á súa familia xa nos devanceiros. Xentes que a penas quixeron facer sombra, pero que no seu paso humilde deixaron transcender a ledicia e o  sorriso, a tenrura e o amor. Lembro á nai de Mato coa súa voz pousada e tranquilizadora, coa súa man esforzada no traballo, tendida para buscarnos. Aquela man que sempre nos bendicía como nunha singradura solemne e litúrxica, chea de verdadeiro afecto, cando nos iamos tirarnos nalgún baleiro.

Agora, Mato, Don Xesús, o cura incómodo, festeiro, emprendedor, o vendido aos pobres, aos discapacitados; o cura amigo e amigo dos meus, sigue no seu proxecto: unha vida ao servizo dos demais. Dando exemplo nas entrañas mesmas do Pobo e á par da xente. Vén comigo andando camiños longos, carreiras de fondo. Imos xuntos e eu quero dar testemuño de sabernos aínda nesa loita vital. A mesma loita de todos os tempos e idades. Cos erros aprendemos, tamén cos moitos acertos, entre amigos fabulosos e outros vendidos que fabulan na mentira. Sabede que teño un verdadeiro compañeiro e irmán, na nobreza da loita cotiá, de dar a cara. E que sen el o meu vivir –estou seguro- sería moi distinto, distinto e moito máis tristeiro. Grazas, reverendo!

Baldomero Iglesias Dobarrio [Mero]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

%d bloggers like this: